O Nodo GalicIA dá novos pasos na elaboración da candidatura galega para acoller a axencia AESIA

martes, 26 de xullo do 2022 S. P.

A Comisión de Seguimento do Nodo galicIA (o nodo galego de Intelixencia Artificial) reuniuse a pasada semana para avanzar na elaboración dun documento que avale a candidatura galega para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Segundo fixeron saber os responsábeis do Nodo, a previsión é que neste últimos días de xullo o Goberno de España arrinque o proceso para a selección da sede desta axencia de nova creación.
Na reunión participaron, por parte da Xunta de Galicia, representantes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e das consellerías de Facenda e Administración Pública; Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; e Sanidade. Asistiron tamén representantes das tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal (GNP-AETC).
Todas e todos coincidiron en salientar “a boa posición de Galicia” para acoller a AESIA en aspectos diferenciais como “o de apostar por un espazo de colaboración transfronteirizo no marco da Eurorexión, contar cunha lingua propia e dispoñer dun ecosistema dixital dinámico e en crecemento, que actúa como denominador común da transformación dixital da economía e da sociedade galega”.
Na sesión destacouse tamén que os parámetros sociodemográficos de Galicia sitúan a esta Comunidade como territorio “prioritario” no marco dos obxectivos políticos do proceso de descentralización impulsado polo Goberno de España para a vertebración do territorio, un proceso que dá prioridade aos territorios nos que é preciso atraer talento novo e favorecer o crecemento demográfico (na xuntanza lembrouse, neste senso, que a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos en Galicia é dun 26,09%, o que sitúa á nosa Comunidade entre as tres máis envellecidas de España, onde a media é do 20,09%).
Os asistentes destacaron tamén o feito de que Galicia non acolla a sede de ningunha axencia estatal, outro dos aspectos que serán tidos en conta para as novas asignacións.
En canto ao proceso de especialización de Galicia, o documento destaca as iniciativas da Comunidade en canto á transformación dixital a través da Estratexia Galicia Dixital e Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA) ou a posta en marcha do Marco Galego de Competencias Dixitais. Galicia está, neste sentido, nunha posición de vangarda, ao ter afrontado retos como o estudo sobre o marco ético e normativo para as tecnoloxías intelixentes ou o proxecto Nós para situar á lingua galega nas linguaxes e contornas dixitais.
O documento destaca a xeración de coñecemento en Galicia en torno á Intelixencia Artificial a través de centros singulares de investigación; así como o carácter robusto do ecosistema TIC. Galicia conta con dous ‘hubs’ de innovación que suman as capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas, o que representa o 10% do emprego de Galicia. O sector tecnolóxico conta na nosa Comunidade con 2.961 empresas que xeran un volume de negocio de 2.908 millóns de euros. Ademais, o sector creou 1.397 postos de traballo en 2021, un 7,2% más que el año anterior, e o maior incremento dos últimos cinco anos ata acadar a cifra de 20.740 empregados.
Sinalar tamén que a Comisión de Seguimento do Nodo GalicIA comprometeuse a avanzar nas vindeiras semanas na proposta de valor da candidatura galega agardando que a convocatoria para a presentación das candidaturas, incluíndo os criterios específicos que se terán en conta e que se publicarán en breve, tal como foi comunicado dende o Ministerio de Economía e Transformación Dixital co obxectivo de tela ultimada en setembro.


PUBLICIDADE