O Nodo Galego CIBER.gal vai camiño de superar os 30 integrantes do sector privado

luns, 18 de abril do 2022 S. P.

Galicia quere estar á vangarda do España e de Europa en materia de ciberseguridade. Froito deste obxectivo xurdiu o Nodo Galego CIBER.gal, que está a ser impulsado dende o Goberno autonómico para acadar a máxima implicación das empresas e dos profesionais do sector tecnolóxico. O Nodo integra a maiores a todas as administración públicas e aos organismos de referencia en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), dependente do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), abeirado ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Segundo informou a axencia autonómica AMTEGA, principal impulsora desta fronte común de traballo, CIBER.gal é a primeira estrutura de colaboración público-privada na materia en España.
AMTEGA engade que nos vindeiros días está previsto que se integren na iniciativa até 8 novas empresas e profesionais. “Deste xeito, serán xa máis de 30 os integrantes deste espazo de colaboración procedentes do sector privado”, explica a axencia que dirixe Mar Pereira, facendo saber que as empresas e profesionais que forman parte de CIBER.gal son “maioritariamente do sector tecnolóxico”, así como “doutros como a investigación e o coñecemento, o sector normativo e de cumprimento, e de compañías con importantes estruturas de ciberseguridade de sectores como as finanzas ou a produción de madeiras”.
A nivel de accións concretas, agárdase que CIBER.gal poña en marcha nos próximos tres meses máis de 20 actividades dirixidas ao tecido empresarial de Galicia, accións encamiñadas á concienciación, á sensibilización e á formación das persoas profesionais de Galicia, co obxectivo “de lograr unha óptima cultura de ciberseguridade nas organizacións”.
A primeira das accións
A primeira destas actividades desenvolverase en dúas sesións, o 27 de abril e o 3 de maio, coordenada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coa colaboración da empresa galega Altia. Tratará sobre a seguridade dos datos e estará dirixida a todas as persoas profesionais responsábeis do seu tratamento. Os participantes recibirán información sobre como protexer os datos de clientes, provedores, da propia organización, e recibirán formación para reaccionar e actuar se acontece unha fenda de seguridade.
18 millóns para facer fronte á ciberdelincuencia
A maiores, AMTEGA explica que o pasado mes o Consello de Goberno recibiu o Informe de medidas en materia de ciberseguridade lideradas pola Xunta de Galicia, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que facía referencia a actuacións en marcha ou que comezarán a aplicarse en 2022 que suman investimentos de preto de 18 millóns de euros. O informe enmarca as actuacións da Xunta en materia de ciberseguridade nun decálogo de medidas de tres tipos: as infraestruturas e operacións, a estratexia de colaboración público – privada, e a formación e concienciación.
Entre estas medidas atópanse a creación do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) que implicará un investimento para a súa posta en marcha duns 4,5 millóns de euros, ou o Proxecto de mellora da seguridade na Administración de xustiza de Galicia, que se atopa en marcha cun investimento de ao redor de 2 millóns de euros.
Amais, a Xunta ten en marcha tamén un Acordo Marco que oferta servizos de seguridade a todos os departamentos das administracións públicas autonómica e local e outras entidades públicas. Este instrumento permite investimentos estimados en 8,2 millóns de euros.
Ademais, AMTEGA mantén convenios de colaboración coas dúas entidades públicas encargadas de velar pola ciberseguridade en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), que depende do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), que depende do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

PUBLICIDADE