O Nodo DIHGIGAL entrará en funcionamento o vindeiro mes de novembro

luns, 24 de outubro do 2022 S. P.

De esquerda a dereita: Marcos Ortega, profesor responsábel do nodo en DIHGIGAL pola UDC; Eugenia Mijares, xerente de DIHGIGAL; Julio Abalde, Reitor da UDC; Salvador Naya, Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia; Sonia Zaragoza, adxunta ao Vicerreitor para a Transferencia

O Nodo de Intelixencia Artificial do Hub de Innovación Dixital de Galicia (DIHGIGAL), coordinado pola Universidade da Coruña, vai estar operativo este mes de novembro. Será, en palabras da UDC, unha aposta galega polas tecnoloxías transformadoras na industria, na administración pública, nas universidades e nos centros tecnolóxicos. Tamén constituirá “un dos principais motores económicos de innovación e creación de emprego, tanto tecnolóxicos como industrial”.
A través do propio Nodo e doutros proxectos xa apoiados por DIHGIGAL, como a Cidade do TIC, “estréitase a unión de dous elementos fundamentais na transformación dixital”, engaden fontes da UDC, lembrando que estes elementos clave non son outros que os expertos en IA (empresas TIC e centros de competencias) e usuarios da IA (industria).
Entre as principais liñas de actuación que serán responsabilidade do nodo destacan as de visualizar e dar soporte aos proxectos en curso relacionados con Intelixencia artificial así como a procura de novas oportunidades de financiamento para proxectos innovadores coa tecnoloxía como eixo transversal. “Todo iso partindo das necesidades da industria e garantindo a materialización deses proxectos en avances na súa transformación dixital e nun aumento da competitividade das nosas empresas a nivel global”, sinalou a UDC, engadindo que ademais do Nodo de IA, coordinado pola Universidade da Coruña, proximamente será lanzado o Nodo de HPC (acrónimo ee inglés computación de altas prestacións, High Performance Computing) coordinado polo CESGA.
Creado en 2019
DIHGIGAL naceu en 2019 como hub da industria de Galicia, aglutinando aos principais representantes de demanda e oferta tecnolóxica (máis de 400 entidades, maioritariamente pemes, máis de 20.000M€ de facturación e máis de 50.000 empregos directos). Ademais de por a súa alta representatividade, o seu rol no impulso da transformación dixital da industria vén avalado polo seu recoñecemento como hub estratéxico pola Xunta de Galicia (2019), o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (2021) e a Comisión Europea (2022). A iso hai que engadir unha ampla rede de contactos internacionais entre os que destaca a súa pertenza ás principais redes europeas de datos (European Data Federation e Big Data Value Association) e de manufactura (EDIH-Manufacturing).
O funcionamento do hub articúlase na través de dúas Comisións: demanda e oferta tecnolóxica. A primeira delas reúne a algunhas das empresas máis representativas de Galicia xunto con pequenas e medianas empresas e novas firmas innovadoras (startups) que conxuntamente definen os retos da industria galega. Mentres, a Comisión de Oferta agrupa as principais capacidades tecnolóxicas do territorio: Universidades, Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), CESGA, Cluster TIC, Innovalabs, FEUGA, KPMG, CuatroDigital, Abanca, etc. É na esta Comisión onde se definiron dúas áreas de máxima importancia no ámbito tecnolóxico como son a Intelixencia artificial e a HPC (computación de altas prestacións) dando lugar a dous grupos de traballo/nodos.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, afirmou que a incardinación do proxecto da Cidade do TIC na Coruña con DIHGIGA “fará que a industria poida sacar o máximo partido ao este proxecto, comezando cos laboratorios, demostradores e instalacións do edificio CSA da Cidade do TIC, situando ademais ao proxecto da cidade herculina como uns dos principais referentes nacionais en tecnoloxías intelixentes”.
O presidente de DIHGIGAL, Francisco Yáñez, comentou que “o Nodo de Intelixencia artificial converterase nun gran activo para a Industria de Galicia; empresas de todos os tamaños, e de diferentes sectores, poderán beneficiarse e utilizar este coñecemento para xestionar de forma útil a gran cantidade de datos que recompilan actualmente co despregamento da Internet das Cousas, mellorando as operacións e o resultado final en cada etapa do ciclo de vida empresarial. As nosas empresas poderán deseñar, producir e entregar produtos e servizos mellor que nunca”.

PUBLICIDADE