O NOS Day celebrará a súa segunda edición o 28 de maio

martes, 26 de abril do 2016 Marcus Fernández

Tras unha multitudinaria primeira edición do Northwest Startup Day (NOS Day), na que numerosos emprendedores galegos déronse cita na Cidade da Cultura para asistir a unha serie de relatorios orientados á transferencia de coñecemento e fuxindo da fórmula de charlas inspiradoras ou técnicas, convócase o segundo Northwest Startup Day para o vindeiro 28 de maio, mudando a sede ao Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.
Aínda que o programa aínda non se publicou íntegro, xa temos o seu esquema provisorio, que parte con Rubén Ferreiro (Grupo Viko) abrindo o foro de emprendedores tecnolóxicos ás 9:30 horas; seguirao un convidado sorpresa ás 10:15; mentres que Rufo de la Rosa (Google Campus Madrid) contará interesantes detalles sobre a multinacional de referencia na Rede a partires das 11:00 horas.
Tras unha breve pausa, ás 12:30 horas entrará en xogo unha convidada sorpresa, á que seguirá ás 13:15 horas Gonzalo Ruíz (Civeta Investiment), quen terá moito que compartir grazas á súa experiencia investidora en proxectos como Chicfy, iAsesoría ou JoinUpTaxi.
Xa pola tarde está prevista a celebración de dúas mesas redondas entre as 15:30 e as 17:30 horas.
Os interesados en acudir a este encontro xa poden inscribirse a través de Ticketea, onde están dispoñibles os billetes de acceso a un prezo de 5 euros, mentres que por 25 euros inclúese tamén o xantar.

PUBLICIDADE