O Museo do Prado revoluciona o eido das pinacotecas en liña coa súa nova web

venres, 11 de decembro do 2015 Redacción

O Museo do Prado ten nova web, un novo proxecto en liña lanzado co apoio de Telefónica e no que salienta, ante todo, un marcado compoñente visual acorde coa actividade e co patrimonio da pinacoteca. A nova páxina, desenvolvida dende hai tres anos, substitúe a un sitio en liña que xa ficara en boa medida obsoleto, o lanzado en 2007. A páxina presentada agora é en toda regra unha pinacoteca en liña, o máis semellante que se puido lanzar a un Museo do Prado real e virtualmente na Rede. Está artellada dunha maneira que cada obra figura interrelacionada con outras moitas obras, e o mesmo acontece cos autores e mesmo coas actividades programadas. O motor da web, nun plano máis concreto, acubilla máis de 10.000 fichas de obras de arte, 1.800 autores da colección do Prado e máis de 20.000 conferencias, actividades, mostras, documentos ou arquivos.
Cada obxecto ao que accedemos, cada obra de arte, permítenos consultar cousas como ficha técnica, texto explicativo, vida do autor ou etiquetas relacionadas coa peza en cuestión. Achégase tamén unha sección multimedia con vídeos de conferencias e vindeiras mostras. Outra das grandes novidades é a natureza do buscador, que é semántico. Dito doutra maneira: no buscador concorre a Internet enteira, fortalecéndoo ao máximo e poñéndoo en situación de adiantarse ás nosas demandas. A web tamén destaca pola marxe de personalización que pon en xogo. De feito, achega unha rede social de seu chamada O meu Prado na que poderemos, como usuarios rexistrados, crear rutas propias ou marcar obras preferidas. Nesta vertente social da páxina, por certo, xogará un papel importante a canle Radio 3, que colabora co Museo incorporando percorridos virtuais con música escolmada polos seus locutores.

PUBLICIDADE