O Ministerio de Sanidade, Premio Especial do CPEIG

mércores, 14 de xuño do 2023 S. P.

O ministro de Sanidade, o galego José Miñones

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia vai conceder o Premio Especial CPEIG ao Ministerio de Sanidade polo seu traballo no desenvolvemento de proxectos de dixitalización para alcanzar unha “saúde de vangarda”. Será entregado no marco da Noite da Enxeñaría en Informática que se celebra este venres 16 de xuño en Santiago.
Segundo salienta o colexio respecto dos porqués da resolución deste recoñecemento, o Ministerio de Sanidad está completamente comprometido co programa Europa de la Salud, o futuro espazo europeo de datos sanitarios considerado como un dos piares centrais da transformación dixital da Unión Europea. “Co seu desenvolvemento, vaise mellorar a prestación de asistencia sanitaria en toda Europa”, destaca o CPEIG, ao tempo que lembra que a través da Estrategia de Salud Digital do Sistema Nacional de Salud aspírase a “contribuír ao mantemento dun bo nivel de saúde na poboación española e a fortalecer o sistema sanitario público mediante a capacidade transformadora das tecnoloxías dixitais”. Co avance da dixitalización, a cidadanía poderá, entre outras novidades, dispor dunha historia clínica europea ou da interoperabilidade entre diferentes sistemas de saúde grazas a unha rede de nodos, destaca o CPEIG.
A XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia celebrarase como dixemos este venres, 16 de xuño, no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago e o ministro de Sanidade, o galego José Miñones, recollerá a distinción.

PUBLICIDADE