O Ministerio de Educación e Microsoft colaborarán no proxecto Escuela 2.0

xoves, 10 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Eva Almunia e María Garaña durante a sinatura do acordo de colaboración

O Ministerio de Educación e Microsoft asinaron hoxe un acordo marco polo que inicia unha ampla liña de colaboración no marco do programa Escuela 2.0, perseguindo o obxectivo común de aplicar a innovación ao ámbito educativo.
A secretario de Estado de Educación e Formación Profesional, Eva Almunia, e a presidenta de Microsoft España, María Garaña, foron as encargadas de representar a sinatura do acordo de colaboración entre Educación e Microsoft, e non só afectará á dotación tecnolóxica das aulas, senón que tamén terá influencia na integración das TIC no ensino.
O programa Escuela 2.0 iniciouse no curso 2009-2010, e está a desenvolverse en colaboración con distintas Comunidades Autónomas, buscando a adopción de ordenadores portátiles por parte dos alumnos de primaria, a dotación da tecnoloxía que permite crear as aulas do futuro e a formación do profesorado. Pretende chegar a preto de 400.000 alumnos no presente curso, segundo comentou Eva Almunia, mentres que María Garaña asegurou que «Microsoft leva anos desenvolvendo ferramentas software altamente competitivas, experiencias pioneiras de aulas do futuro e iniciativas que axudaron a alumnos, profesores e pais españois e do resto do mundo a vivir unha experiencia educativa completamente transformadora grazas ao potencial das Tecnoloxías da Información».
As Comunidades Autónomas que o desexen, grazas ao acordo acadado, poderán levar aos seus centros educativos o sistema operativo de Microsoft por 8 euros/ano por alumno, o que suporía un desconto de preto do 90% do prezo de mercado, aínda que os máis críticos apuntan que tal cantidade pode aforrarse de optar por tecnoloxías abertas coma o sistema operativo Linux.

PUBLICIDADE