O Ministerio de Economía e Competitividade recoñece a Ribeira como "cidade da Ciencia e a Innovación"

luns, 3 de novembro do 2014 Redacción

Ribeira vén de recibir a consideración de “cidade da Ciencia e a Innovación” por parte do Ministerio de Economía e Competitividade mediante resolución da Secretaría Xeral de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación na que recóllese a identidade das novas quince localidades galardoadas con esta distinción, que foi creada en 2010 coa finalidade de “recoñecer ás cidades líderes na creación de vantaxes competitivas grazas á conxunción do capital intelectual e de coñecemento dos seus recursos humanos, con avanzadas infraestruturas locais de forte compoñente científico, tecnolóxico e innovador”.
A este respecto, a recente creación e posta en funcionamento dunha plataforma Web-Xis no marco do programa Riveira Atlántica 2015 (financiado nun 70% con fondos europeos FEDER) e co obxectivo de converter a Ribeira nunha Smart Village, foi o detonante de que o Concello de Ribeira fose merecedor deste recoñecemento, sendo o único municipio da comunidade galega en recibilo este ano xunto coa súa capital, Santiago de Compostela.
En virtude da distinción, as quince localidades citadas pasan a formar parte da Rede de cidades da Ciencia e Innovación Innpulso, o que supón entre outras vantaxes a promoción da localidade en eventos internacionais ligados co I+D+i e o desenvolvemento baseado no coñecemento; a consideración preferente de Ribeira para a ubicación de instalacións científicas e tecnolóxicas de titularidade ou participación estatal, así como para a ubicación de nodos da rede do Ministerio de Economía de Puntos de Información sobre I+D+i; ou a priorización do municipio para a celebración de congresos e seminarios dos organismos públicos de investigación.

PUBLICIDADE