O Messenger permite inserir vídeo en vivo durante as conversas

xoves, 1 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O Messenger de Facebook permite realizar chamadas de voz e videoconferencias dende hai tempo, pero agora dan una nova volta de torca á funcionalidade de vídeo, para que durante o uso das chamadas de vídeo non se eclipse ao resto de funcións do chat, e así chega o Instant Video, que vén a ser a posibilidade de establecer comunicacións de vídeo no momento que ambos integrantes dun chat estean en liña á vez, ocupando o vídeo só unha parte da pantalla para permitir continuar co chat para realizar comentarios, enviar ficheiros...
O Instant Video sería un xeito de levar as conversas ao vivo dun xeito máis auténtico, e sen saltos, simplemente enriquecendo unha comunicación actual, de xeito que o vídeo pode empregarse simplemente para amosar algo puntual nun momento da conversa, sendo tamén posible a resposta en vídeo do interlocutor, pero non se trataría dunha videochamada tradicional (xa que a resposta en vídeo é totalmente opcional). De feito, tras premer o botón para activar o Instant Video o recadro co vídeo en directo non tería son até que o usuario prema sobre el (dando a entender que non todas as situacións permiten unha comunicación tan intrusiva como a videoconferencia) e a retransmisión de vídeo tamén cortarase cando un dos usuarios non teña aberta a aplicación en primeiro plano (reducindo así o consumo de procesador, batería e datos).
Esta nova funcionalidade chega ao Messenger para iOS e Android (sendo preciso contar cunha versión actualizada para poder tirar proveito da mesma) e non son poucos os que comentan que estamos, unha vez máis, ante unha funcionalidade que presenta Snapchat dende hai tempo que agora fai súa un produto de Facebook.

PUBLICIDADE