O Messenger de Facebook non funcionará vía web no móbil

luns, 6 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Facebook leva tempo potenciando a súa aplicación móbil de mensaxería e, aínda que algunhas medidas anteriores como permitir que poida empregarse unicamente co noso número de teléfono (sen ter que ter unha conta de usuario en Facebook) resultaban ben recibidas, agora intérnanse nun camiño menos cordial, xa que Facebook está a mudar o xeito de poder ler as mensaxes intercambiadas en privado, eliminando a opción de poder consultalas vía web, e obrigando a instalar Messenger para poder manter as conversas a través de Facebook.
Nestes momentos, cando vemos Facebook.com no móbil, podemos picar na sección de mensaxería, e apareceranos unha mensaxe informando de que “pronto só poderás ver as túas mensaxes dende Messenger”, que podemos pechar para continuar a empregar con normalidade a versión web do sistema de mensaxería, pero queda claro que non haberá tal posibilidade en breve, o que está a levar a moitos usuarios a protestar a través do comentarios da aplicación de Messenger en Google Play, pero a motivación de Facebook resulta clara: queren dominar o sector da mensaxería, polo que continúan a promover o crecemento de WhatsApp e Messenger para facilitar así a súa futura monetización.

PUBLICIDADE