O Messenger de Facebook agocha un xogo de tiros libres

venres, 18 de marzo do 2016 Marcus Fernández

A existencia de ovos de pascua nas aplicacións informáticas é algo moi vello, pero iso non fai que sexan menos interesantes e, se son un videoxogo, aínda máis, como demostrou o mes pasado a aparición dun xogo de xadrez dentro do sistema de mensaxería de Facebook, que aínda que tiña unha sintaxe complexa, non foron poucos os que se botaron a probalo, aínda que descuberta das últimas horas foi moito máis rechamante, xa que dende a aplicación móbil Messenger de Facebook para iOS e Android é posible acceder no móbil a un xogo de tiro a canastra.
Para poder gozar deste ovo de pascua do Messenger chega con intercambiar nunha conversa a emoticona do balón de baloncesto e, de premer sobre el, accederemos a un xogo de encestar, no que iremos acumulando puntos para compartir co noso interlocutor o máximo número de tiros encestados na quenda, de xeito que podemos xogar a competir por conseguir a maior puntuación cos nosos amigos.
Pese a estarmos ante un xogo moi sinxelo, está a causar auténtico furor, lembrando ao fenómeno causado cando, por exemplo, en Android Lollipop agocharon un clon de Flappy Bird.

PUBLICIDADE