O Mercado de Recimil acolle este sábado un obradoiro de robótica para os máis pequenos

venres, 22 de setembro do 2017 Redacción

Este sábado 23 de setembro, a partir das 10.30 horas, o Mercado de Recimil de Ferrol acollerá un obradoiro de robótica. A actividade, orientada “aos máis pequenos da casa” (nenas e nenos de entre 7 e 12 anos), xirará arredor da vertente máis creativa da robótica: a vertente que convida aos rapaces a facer enxeños coas súas propias mans, estimulando o seu maxín e a súa creatividade. Nun plano máis detallado, traballarán con pezas de Lego, sensores e motores para dar vida a diferentes aparellos robóticos (robots, vehículos, animais ou “o que suxira a imaxinación dos peques”. A idea é brindarlles aos cativos unha oportunidade para divertirse mentres os maiores elixen e mercan os produtos frescos do Mercado.
A actividade enmárcase dentro do programa de actividades que a Asociación de Comerciantes do Mercado de Recimil organiza ao longo do ano co apoio do Concello de Ferrol para dinamizar os seus negocios e animar a comprar nos diferentes postos. Para máis información, podemos consultar o Facebook do mercado, no que se vai dando conta puntual de todas as actividades a celebrar.
Respecto das inscricións no obradoiro, podemos facer a reserva en Espacio Vivo e nos teléfonos 981 944 912 ou 608 065 276.

PUBLICIDADE