O Mercado de Pontevedra estreou tecnoloxía de control de capacidade con visualización en tempo real

martes, 8 de xuño do 2021 S. P.

Os accesos principais do Mercado de Abastos de Pontevedra estrearon un innovador sistema informático de control de capacidade con visualización en tempo real. A Concellería de Promoción Económica que dirixe Yoya Blanco destinou unha achega de máis de 7.000 euros á posta en marcha desta tecnoloxía, que permite contabilizar persoas e que foi instalada finalmente pola empresa Almas Industries. Proporcionará unha precisión do 95%, sendo o seu principal obxectivo achegar unha contorna “cen por cen segura”.
A estrea do servizo, instalado como dixemos nos dous accesos principais do recinto (os que dan ás rúas Serra e á avenida de Bos Aires) formalizouse a semana pasada, o xoves 3 de xuño. O equipamento inclúe cámaras con sensores, monitores de capacidade e un software específico de xestión, proporcionando unha precisión do 95% e unha área de detección de ata dous metros.
A propia Yoya Blanco achegouse ao Mercado para supervisar o resultado da instalación e comprobar o funcionamento desta “moderna ferramenta, que permitirá cumprir estritamente con tódalas restricións desta nova normalidade e converter a Praza nun espazo absolutamente seguro, axudando a previr aglomeracións e achegando moita tranquilidade a traballadores e clientes”.
E engadiu a edil: “A través dos monitores instalados nas portas de acceso podemos obter información do número de xente que hai no interior e do número de persoas ás que está permitido o acceso en función da capacidade (que nestes momentos é de 200 persoas)”.
Destacou tamén que a tecnoloxía instalada inclúe un semáforo que se ocupa de indicarnos se “podemos pasar ou non”, e así, cando está en verde temos vía libre, e deberemos agardar cando está en vermello. Asemade, “o sistema computa tamén o número total de saídas e entradas que se produciron ao longo da xornada”, dixo.

PUBLICIDADE