O MAC organiza un obradoiro de robótica para cativos acompañados

venres, 23 de outubro do 2015 Marcus Fernández

O Museo de Arte Contemporánea (MAC) de Gas Natural Fenosa na Coruña organiza os sábados 7, 14, 21 e 28 de novembro e 12 e 19 de decembro un obradoiro de robótica e programación que baixo o título de Familybot deixa claro que se trata dunha actividade familiar dirixida a cativos de entre 5 e 10 anos acompañados por un ou dous adultos e que teñen un custo que van dende 70 euros para un neno cun adulto até os 100 euros para 2 cativos acompañados por 2 adultos.
Esta actividade formativa está impartida polo enxeñeiro técnico en Informática de Xestión Carlos Méndez Rodríguez (de ARKITAS Robótica e Programación), quen introducirá aos asistentes na programación e na robótica, para que unha vez conseguidos uns coñecementos básicos poidan formarse equipos para desenvolver proxectos de robótica asesorados polo profesor (que proporá ideas e solucionará dúbidas).
Ao estarmos ante unha actividade na que participan nenos con adultos búscase tanto conseguir coñecementos na materia como fornecer as ligazóns entre xeracións a través da construción de robots e a programación de historias virtuais e/ou videoxogos.

PUBLICIDADE