O Laboratorio de Bases de Datos do CITIC organizou a 16ª conferencia sobre similitude e aplicacións (SISAP)

mércores, 18 de outubro do 2023 S. P.

O Laboratorio de Bases de Datos do CITIC da Universidade da Coruña organizou a décimo sexta edición da International Conference on Similarity Search and Applications (SISAP), que tivo lugar na Coruña estes 9, 10 e 11 de outubro. O evento atraeu a asistentes de 17 países, o que o converteu nunha oportunidade única para o intercambio de ideas e colaboracións internacionais na área de xestión de datos de similitude.
Segundo relatan fontes do CITIC, SISAP é un foro anual que reúne a investigadores e desenvolvedores de aplicacións no eido da xestión de datos de similitude. Con problemas tecnolóxicos compartidos nunha ampla gama de dominios de aplicacións, desde minería de datos ata recoñecemento de patróns e biometría, “SISAP converteuse nun evento fundamental para profesionais de todo o mundo”, apunta o centro coruñés, engadindo que no transcurso da conferencia outorgáronse os premios ao Mellor Traballo e ao Mellor Traballo Estudantil. Ao mesmo tempo, por parte da organización recomendarase unha pequena escolma das mellores contribucións presentadas na conferencia para a súa inclusión nun número especial de Elsevier Information Systems.
Ademais, SISAP 2023 contou desta volta con tres conferenciantes destacados: Michael Houle do New Jersey Institute of Technology (NJIT), cuxos coñecementos en procura por similitude son recoñecidos a nivel internacional; Yury Malkov, un experto en procura vectorial aproximada que contribuíu significativamente a este ámbito e Julio Gonzalo, da UNED, cuxa experiencia en recuperación de información e minería de datos achegou unha perspectiva valiosa ás discusións da conferencia.
A iniciativa SISAP é un foro para intercambiar exemplos de aplicacións do mundo real, novas técnicas de indexación, bancos de probas e puntos de referencia comúns, código fonte e literatura actualizada a través da súa páxina web, ao servizo da comunidade de procura de similitudes.
A actividade comezou en 2008 como un obradoiro de traballo e ao longo dos anos converteuse nunha conferencia internacional con actas de Springer Lecture Notes in Computer Science (LNCS).

PUBLICIDADE