O LAV de Vedra presenza nesta edición 16 cursos tecnolóxico-audiovisuais

mércores, 27 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

En contra do que cre moita xente acomplexada destas terras, non é preciso írmonos lonxe para atopar un emprazamento de innovación audiovisual creativo, adiantado ao seu tempo e, sobre todo, accesible para todas e todos. De feito, e para entendérmonos, detrás da iniciativa da que estamos a falar atópase unha desas asociacións que, só polo seu nome, xa convida a que ninguén fique fóra. Falamos de Seunpeso Producións, que hoxe mesmo presentou a terceira convocatoria do Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV 010), unha iniciativa que conta este ano con dezaseis cursos formativos sobre diferentes eidos do audiovisual, algúns deles inseridos plenamente na temática que principalmente nos ocupa nesta web: o dixital e o coñecemento que flúe.
Segundo fixeron saber os integrantes do colectivo, as ditas accións formativas serán impartidas por profesionais de prestixio e aos prezos máis económicos (dende os 40 aos 70 euros). Como dixemos, o LAV celebrarase no concello de Vedra e será durante as dúas últimas fins de semana de febreiro, incluíndo (amais dos cursos) unha mostra de traballos audiovisuais galegos, entre os que se contan A noite que deixou de chover, a curta O raio transparente e o making off dos Crebinsky, entre outras pezas de interese.
O espírito da mostra, como o da cultura libre, é o de quitarlle atrancos ao coñecemento. Isto é aplicable para todas e todos: ben sexan afeccionados ao audiovisual, semiprofesionais ou profesionais, fixo saber Abelardo Rendo, presidente de Senunpeso, durante a presentación da nova convocatoria do LAV.
Sobre as bases para participar nas actividades, dicir que os socios de Senunpeso producións terán un desconto de dez euros nos cursos. Ademais, para os que non vivan en Vedra nin preto, a organización propón tres lugares de aloxamento con descontos especiais para os inscritos, que se poden consultar na web www.senunpeso.org
Este é o programa do Laboratorio tal como nolo fan pasar dende Seunpeso:
· Xornadas de formación.
O Laboratorio Audiovisual de Vedra 010 propón dar os primeiros pasos na creación de curtametraxes, co director Alfonso Zarauza, ou na de documentais, co realizador Xosé Antón Moure, así como aprender sobre stop-motion con Juan Pablo Etcheverry, que estivo nomeado ós premios Goya polo seu traballo de animación con plastilina Minotauromaquia. Os interesados na interpretación diante da cámara poderán escoller entre o obradoiro impartido pola actriz galega María Bouzas ou polo do británico Nathan Carter, mentres que Denís López Horro será o encargado de ensinar cómo se fai un guión audiovisual e Xoán Escudero será o mestre do curso de son creativo para cine.
O LAV 010 tamén inclúe un obradoiro de iniciación á dirección de fotografía, con Paco Rocha, clases de maquillaxe de efectos especiais, con Alberto Hortas, que formou parte do equipo de O labirinto do fauno, e un curso de operador de cámara, con Javier Rosende. Para aqueles que xa teñen experiencia no audiovisual, o LAV 010 ofrece obradoiros “avanzados”, como o de codificación vídeo dixital, que será impartido por Berto Yáñez; ou o de ‘Red ONE’, da man de Alberto Díaz “Bertitxi” e Jairo Iglesias.
Os que queiran mellorar a técnica vocal e voz falada, poderán adquirir bos consellos de Ramón Bermejo, mentres que os interesados en empregar as steady cam recibirán clases de Carlos Martínez Bouzas. Asemade, recentemente incorporouse un novo curso de dirección de fotografía para directores e realizadores a cargo de Alfonso Parra (AEC).
· Mostra audiovisual.
Durante as dúas fins de semana do LAV 010, proxectaranse na Casa da Terceira Idade de Vedra distintos traballos feitos por ex-alumnos de edicións anteriores, creacións de realizadores da comarca de Compostela e filmes do audiovisual galego de relevancia.
A primeira sesión será o sábado 20, ás 20:30 horas, e nela presentaranse traballos realizados en edicións anteriores do LAV 010: as curtametraxes Sospeitosa, Baixo Sospeita, Slow Food e o documental Meigawatios.
O día seguinte, domingo 21, ás 18.30 horas, haberá unha sesión dedicada ao Making Off na que o director Marcos Nine dará unha conferencia sobre Recursos para contar o que non podes gravar e, despois, contaremos coa presenza de Enrique Otero e Miguel de Lira que nos falaran da longametraxe e do making off de Crebinsky .
O venres 26 de febreiro, ás 21:30 h. proxectaranse nove curtametraxes realizadas por ex alumnos do LAV e por directores de Vedra, Compostela e arredores, entre os que figuran Orlando Villasenín e Luis Miguel Lagos ‘Luki’, Nani Matos, Edu Lavandeira, Marisa Otero, Pepón Tallón ou Gutier Rolán.
O sábado 27, ás 20.30 horas, haberá unha sesión de autor na que se proxectará a película A noite que deixou de chover, de Alfonso Zarauza, mentres que o último día do LAV 010 estará reservado para as creacións deste ano, en caso de que estivesen listas para a súa exhibición.

PUBLICIDADE