O Interplay de Carballo achéganos en setembro ao humor en liña máis disidente

mércores, 25 de agosto do 2021 S. P.

A 8ª edición do Carballo Interplay vai traer a Carballo, do 8 ao 11 de setembro, unha coidada selección do humor máis activista e disidente da Internet española. O Festival de Contidos Dixitais porá o foco dun xeito especial nos proxectos que empregan a Rede “como unha ferramenta para mellorar o mundo” “e naquelas propostas que se apoian no humor para abordar asuntos como as relacións de parella, a saúde mental, a loita contra o machismo ou polos dereitos do colectivo LGTBI”, explicou a organización do sobranceiro certame tecnolóxico-audiovisual, organizado un ano máis por Interplay Producións e o Concello de Carballo.
Segundo engade, un dos pratos fortes deste ano será o espectáculo que ofrecerán tres das cómicas máis relevantes do panorama estatal actual: Henar Álvarez, Carolina Iglesias e Victoria Martín. A cita é o venres 10 ás 22h no Pazo da Cultura de Carballo. A guionista, cómica e comunicadora galega Carolina Iglesias (Oleiros, 1993) volve ao Interplay para rajar sobre o divino e sobre o humano coa súa compañeira e socia, a xornalista, guionista e colaboradora de televisión e radio Victoria Martín de la Cova (Madrid, 1989), despois de gañar o Premio a Mellor Serie con Válidas a pasada edición, na que tamén lle ofreceron ao público do festival un episodio especial do seu exitoso podcast Estirando el chicle. Acompañaráas neste show -que se poderá ver en ao vivo, previa retirada das entradas, e por streaming- Henar Álvarez (Madrid, 1984), que actualmente presenta Buenismo bien (Cadena Ser), xunto a Quique Peinado e Manuel Burque, e que ten un longo percorrido como guionista e presentadora de radio e televisión.
Previamente, o mesmo venres día 10, David Pareja e Lorena Iglesias, ofrecerán a súa particular visión da Pochosfera, un completo repaso polos momentos penosos da Internet no que non faltarán bloopers de vídeos de ASMR, manosphera ou deepfakes de famosos derretidos.
Ao día seguinte chegarán Esnórquel e Perra de Satán co seu podcast ¿Puedo hablar!, onde cada semana analizan cuestións como a saúde mental, os seus corpos, a política, a cultura, o ligoteo, o sexo, a depresión... e moita televisión dos noventa. Esnórquel será, tamén, o encargado de ofrecer o seu Código Fonte Audiovisual, un percorrido por vídeos de Youtube de alcance queer que marcaron a súa adolescencia na aldea e na universidade.
Amais de todo isto, o Festival Carballo Interplay falará sobre Activismo na rede con Pol Andiñach (Vilassar de Mar, 1991), coordinador do colectivo de xornalistas Cuellilargo e autor do libro Todo el mundo puede ser antifa. Manual práctico para destruir el fascismo (2021); con Laura Tabarés (León, 1991), membro do colectivo de produción cultural especializado en virtualidade e programas educativos con perspectiva feminista Ontologías Feministas; e con parte da colectividade millennial Proyecto UNA, que profundan nas guerras culturais de poder nos medios, Internet e a realidade analóxica.
O CIP tamén achegará faladoiros sobre Humor, precariedade xeracional e ilustración coa viñetista, cómica e creativa Anastasia Bengoechea (Barcelona, 1982), Monstruo Espagueti; coa ilustradora e humorista Violeta Navas Ortega (Granada, 1994), La Prados; e coa viñetista Roberta Vázquez (Santiago de Compostela,1989), autora do cómico ¡Socorro! coa editorial Apa Apa.

PUBLICIDADE