O Interplay converte Carballo no escenario dunha serie post-apocalíptica

xoves, 2 de setembro do 2021 S. P.

Se ben o Festival de Contidos Dixitais Carballo Inteplay desenvolverá o groso do seu programa entre os días 8 e 11 deste mes, datas oficias do certame, este xa comezou a facer ruído ao longo do verán e mesmo antes da tempada estival. Estes días, sen ir máis lonxe, o CIP converteu a praia de Baldaio e as rúas de Carballo nun fervedoiro creativo. O motivo? A gravación dunha serie post-apocalíptica dentro do Obradoiro Kamikaze que dá o pistoletazo de saída ao Carballo Interplay 2021.
As imaxes da vila poderán verse o próximo mércores, día 8, na estrea mundial dos dous Dinosaurios ideados e editados por unha ducia de estudantes e de profesionais do sector audiovisual galego coa que arrincará a 8ª edición do Festival de Contidos Dixitais. Como todas as actividades do Interplay, este acontecemento será presencial e de balde, previa reserva de entradas na web do festival. A maioría das actividades poderán verse, tamén, en Youtube, Facebook e Twitch, vía streaming.
Cousas que nos agardan
O Interplay trae este setembro a Carballo, por oitavo ano consecutivo, as últimas tendencias na creatividade social de Galicia, de España e do resto do mundo. Na Sección Oficial compiten series de Arxentina, Chile, Ecuador, Canadá, Estados Unidos, Australia, Alemania e Israel, ademais de Galicia e do resto de España. En palabras da organización (o Concello de Carballo e Interplay Producións) será “unha completa panorámica do que se está cocendo no mundo das series a nivel global, coa comedia como fórmula preferida polas creadoras e os creadores dixitais para contar as historias máis diversas e dando conta da enorme relevancia que adquiriron as temáticas sociais nas producións audiovisuais máis anovadoras e persoais.”
O Interplay tamén fará un balance do acadado na nosa terra en materia de webseries, da man de creadoras de e creadores como Sonia Méndez (Angélica y Roberta), Irene Pin (Amnesia 3.0), Javi Camino (El viudo quiere mimos), Óscar Cruz (colectivo Porco Bravú) ou Lucía Estévez (Xan). Nesta liña de reivindicación do noso e co gallo de “impulsar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo”, achegarase unha nova convocatoria do premio ao proxecto de serie en lingua galega, que ofrece 3.000 euros para a creación dos tres primeiros capítulos.
O xoves 9 pola tarde competirán por ese galardón catro comedias: Pulp Air, unha comedia pop de Helfunk Studio (Anita Pico e Rocío López); Pringadas, un drama come of age de Belén Puime Bao; Trela, Clínica de suicidios, unha comedia dramática de Gemma Do Carmo e Margot Alvarado dirixida por Cris Andina; e Non son a túa avoa, unha historia de desencanto, roubos e desaparacións creada por Pedro Souto. De seguido, o gañador do premio a pasada edición do festival, David Fidalgo, estreará os tres primeiros capítulos de Cacola, unha webserie de animacións irreais e historias autoconclusivas cun ton de comedia absurda na que todo pode pasar.
Masters da Internet
Un dos obxectivos do Carballo Interplay é seguir transformando, medrando, ensinando, e promocionando o talento galego na rede. Por isto, nesta edición, o equipo do festival artellou un encontro cos principais puntas de lanza nas novas narrativas dixitais do país moderado por Alba Mancebo e Esther Estévez, dúas das caras máis novas e máis representativas da presenza da TVG na rede. Entre os Masters da Internet que analizarán en que momento se atopa a creación dixital en Galicia e que retos afrontará no futuro atópanse os ilustres gañadores do premio Galitwitter, Jon Amil e Mira1cousinha; representantes de dous dos podcasts máis exitosos do último ano, Samuel L. París (MBA mal) e Carme D. Prol (Café Derby 21), da man do creador de Podgalego, Isaac González; creadoras de contido para Youtube, Olaxonmario e Nee Barros, e Tik Tok, Malva e Leti da Taberna; ou un dos impulsores da iniciativa Twitch en Galego, Agos Reigosa.

PUBLICIDADE