O Instituto Tecnolóxico de Galicia traballará en drons máis autónomos e seguros

mércores, 15 de novembro do 2017 Redacción

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Star Defence Logistics & Engineering (SDLE, con sede en Madrid) veñen de unir forzas para crear a que sería a primeira Unidade Mixta de Investigación (UMI) da nosa terra especializada en avións non tripulados, UAV polas súas siglas en inglés. A iniciativa, que se encadra na cuarta convocatoria do programa de UMI da Xunta, chámase FASTFly e orixínase, en palabras do ITG, como resposta a unha demanda concreta do mercado actual: a dispoñibilidade de UAV e drons máis seguros, cunha meirande autonomía da que achegan arestora e con capacidade para traballar en espazos civís de complexidade. Ou sexa, que se busca aparellos con maior independencia e con máis marxe de manobra para contornas onde a día de hoxe estes vehículos non están permitidos.
A UMI tamén colabora xa na definición dun novo marco regulamentario que contemple voos autónomos e a súa integración no espazo aéreo.
O proxecto, que conta cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, ten a súa sede central nas oficinas de ITG na Coruña e conta cun plan de desenvolvemento de até 2020, para o que dispón dun equipo de traballo de doce investigadores, aos que cómpre engadir cinco novos postos de traballo.
Segundo Analía López Fidalgo, enxeñeira de ITG e responsábel da UMI, “o Instituto Tecnolóxico de Galicia é o encargado de xerar e transferir coñecemento en ámbitos como por exemplo a electrónica, a sensórica, o software e o regulamento aeronáutico, e todo co obxectivo de situar no mercado produtos acabados con todas as prestacións de comunicacións, autonomía, automatización, telemetría e sistemas de pilotos e xestión punteiros”.
Eduardo Faro, director de drons civís de SDLE, sinala que a empresa que representa encargarase “do deseño, fabricación e comercialización dos produtos”. A UMI, engade, “representa unha alianza de gran valor engadido para a nosa empresa porque axunta o talento e experiencia de ITG, o que nos vai a permitir dar un gran chimpo a nivel tecnolóxico e engadir novas funcionalidades aos nosos drons para voos a longa distancia”. A previsión de SDLE é acelerar procesos de innovación e desenvolvemento de novos produtos “con persoal moi cualificado en Galicia”.

PUBLICIDADE