O Instituto Tecnolóxico de Galicia loce músculo

martes, 9 de setembro do 2014 Redacción

O Instituto Tecnolóxico de Galicia, ITG, amosou hoxe as súas instalacións na Coruña e os seus retos a curto, medio e longo prazo, retos que pasan en boa medida por achegar ás empresas e á cidadanía galega máis e mellor coñecemento e innovación. O motivo: a visita do conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen salientou o papel do centro tecnolóxico como “piar de competitividade”. Tamén fixo saber que o ITG, co apoio do Goberno galego, participa no programa Innterconecta a través de tres proxectos que mobilizan 6,5 millóns de euros en innovación en Galicia.
O instituto, nos últimos tempos, está a centrar boa parte dos seus esforzos e eidos vencellados ao medio ambiente, como por exemplo a través do proxecto Galeno, amosado este martes en detalle perante o titular de Economía e Industria. Segundo fixeron saber Gabriel López-Companioni e Carlos Calvo, presidente e director do centro, respectivamente, Galeno está a posibilitar unha substancial mellora na competitividade do sector vitivinícola da nosa terra, e isto conséguese en boa medida grazas á colaboración de varias das principais adegas galegas. Máis en detalle, o proxecto consiste en pór en xogo recursos de control e xestión para os viñedos, equipándoos de sistemas de sensores sen fíos que permiten o seu rexistro e seguimento a tempo completo, en tempo real, e favorecéndose así a súa adaptación ás condicións climáticas e aos distintos andazos e pragas que afectan aos cultivos.
Pola súa parte, Conde salientou “a vocación permanente do ITG de aplicar a innovación á empresa” e tamén “a súa constante vontade de captar fondos europeos”. Lembrou tamén que o Goberno galego destinou preto de 3 millóns de euros á institución nos últimos 5 anos, e vén de aprobar un novo contrato-programa que suma máis de 200.000 co obxecto de manter a súa aposta pola transferencia, “sobre todo no marco do Horizonte 2020”.

PUBLICIDADE