O Informe Avante sobre mercadotecnia en Galicia prevé un medre na Rede do 15,6%

venres, 12 de xuño do 2015 Redacción

Na mañá de onte presentábase en Compostela o resultado do Informe Avante 2015 da mercadotecnia en Galicia. O que se deduciu desta análise é que as principais empresas galegas investirán o 3,9% máis en publicidade e mercadotecnia en 2015. Tamén se concluíu que sete de cada tres euros encamiñados a medios convencionais invístense en prensa (49,3%) e radio (21,4%).
En canto aos medios que experimentarán maior medre ao longo de 2015, son Internet cun incremento do 15,6% e a televisión cunha variación do 8,1%; a prensa continua sendo a que máis investimento recibe e medra un 5,1%.
No acto de presentación de onte, ao que asistiron directivos de mercadotecnia e dos medios, Alfonso Boullosa, director de Avante en Galicia, José Luís Reza, presidente de Markea (Asociación Galega de Mercadotecnia) e Daniel González, director de Invesmark.
A segunda edición do Informe Avante da mercadotecnia en Galicia, reforza o seu compromiso de converterse no barómetro anual de referencia do sector, centrándose na actividade de mercadotecnia das principais empresas galegas. O panel de directivos de mercadotecnia está formado por profesionais das 38 principais empresas e institucións de Galicia por cifra de vendas ou investimento publicitario e pertencen a sectores como industria, alimentación, distribución, centros comerciais, turismo, telecomunicacións, servizos financeiros, sector público, etc.
Máis polo miúdo, os participantes do segundo Informe Avante agardan unha mellora do 72,2% da situación económica de Galicia en 2015 e ningún dos enquisados pensa que a situación será peor que a rexistrada en 2014.
O 77,1% dos enquisados neste informe prevé unha evolución favorábel no nivel de confianza do consumidor galego ao longo de 2015; ningún dos enquisados considera que irá a peor e o 22,9% pensa que a confianza do consumidor non vai variar nos vindeiros meses.
En canto á rendibilidade do seu sector, o 52,8% dos panelistas deste estudo das principais empresas investidoras de Galicia en mercadotecnia e publicidade, afirman que mellorará durante 2015; mentres o 42,9% pensa que se manterá no presente exercicio.
De falarmos de actividades das marcas, o 91,7% dos enquisados citan a Estrela Galicia como unha das empresas galegas que realizou "mellor mercadotecnia" en 2014, seguida por Inditex (63,9%), Gadisa e R Cable sitúanse no terceiro posto, cun 50% en ambos os casos.
En canto ás empresas ou institucións de Galicia que realizaron as mellores campañas publicitarias en 2014, os enquisados sitúan nas primeiras posicións a Estrela Galicia (75, 5%), seguida por Abanca (47,2%), Gadisa (38,9%), R Cable (27,8%), Turismo de Galicia (16,7%), Gas Fenosa e Mondariz cun 13,9% ambas.

PUBLICIDADE