O Informe Ardán sitúa novamente a EGATEL na cabeza das firmas innovadoras galegas
xoves, 27 de xullo do 2017
Na nova edición do
Informe Ardán, que
avanzamos os días pasados dende Código Cero, incluíronse datos
sobre as boas perspectivas de crecemento do noso sector TIC, entre
outras cuestións máis xenéricas ou específicas sobre o tecido
produtivo galego. Porén, tamén se incluíu (como de costume) unha
relación con nomes concretos das empresas que, por sectores, máis
pintan na nosa economía. Hai novidades a este respecto no que se
refire ao sector TIC? Pois moitas non. Unha vez máis, e xa van tres,
a firma ourensá EGATEL,
especializada no desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas de
telecomunicacións (sinal TV e comunicacións vía satélite), foi
elixida
como a empresa máis innovadora da nosa terra. Exactamente igual
có ano pasado.
O top 5 (as cinco
firmas con cinco estrelas de recoñecemento no ranking de
Innovación establecido no informe) complétano as firmas
tecnolóxicas Televés (en segundo lugar), Nanoinmunotech (en
terceiro lugar), Nanogap (en cuarto), Optare Solutions (quinta) e
Quobis Networks (en sexto lugar).
No informe elaborado polo
consorcio da Zona Franca de Vigo en colaboración con REDE
(Universidade de Vigo) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN)
valórase unha vez máis a estratexia empresarial innovadora levada a
cabo por EGATEL, sobre todo no que atinxe ao seu afianzamento en
mercados estranxeiros, á súa capacidade de evolución e adaptación
a novas contornas, ao seu potencial de diversificación e, tamén, á
súa aposta continua e firme a prol da I+D+i centralizada na nosa
terra. Tamén se tivo en conta, novamente, a capacidade da firma en
materia de transferencia de coñecemento en tecnoloxías dixitais e
de radiofrecuencia cara a outros sectores.
- Presentación do novo Informe Ardán de mans do Consorcio da Zona Franca de Vigo
Como lembraremos, EGATEL dedica máis do 40% do seu persoal de maneira exclusiva a actividades de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), principalmente no ámbito das comunicacións por radio frecuencia. Segundo apuntan os responsábeis da compañía galega, o recoñecemento como empresa galega máis innovadora “non é froito da casualidade, senón dun firme compromiso coa excelencia tecnolóxica e constante procura de novas oportunidades de negocio nos sectores”.