O IV Workshop Hackeando o patriarcado desvela os novos aparatos ideolóxicos do machismo na Rede

xoves, 3 de novembro do 2022 S. P.

Esta semana celébrase na UVigo a cuarta edición do Workshop Sociedade Dixital e Xénero. Hackeando o patriarcado, impulsado dende a Cátedra de Feminismos 4.0 (UVigo e Deputación de Pontevedra) co obxectivo de liberar a sociedade tecnolóxico-dixital de machismos, agresións, discriminacións e desigualdades. A presidenta Carmela Silva e o reitor Manuel Reigosa, xunto á directora da área de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, deron este mércores 2 de novembro o tiro de saída a este encontro virtual e presencial que conta entre as súas conferenciantes con Remedios Zafra, Mónica Alario, Elisa García, Elena Alfageme, MªTeresa Piñeiro e Alba Alonso.
A xornada remata este xoves 3 de novembro, con Reescribe o código. Obradoiro de educación en ciberactivismo feminismo que, con todas as prazas esgotadas, celebrarase entre as 17.00 e as 19.30 na Facultade de Comercio de Vigo.
A presidenta provincial Carmela Silva advertiu que “precisamos impulsar accións como estas, que aporten coñecemento sobre o que está a acontecer para poder construír propostas e tomar decisións, moi particularmente nesta era dixital onde as mulleres loitamos por apoderarnos e o machismo por buscar espazos para seguir atacando e discriminando, para seguir facendo que as mulleres non poidamos ocupar o espazo que nos corresponde”.
Referiuse a presidenta ás violencias dixitais que se exercen recordando ás xornalistas feministas, que son “atacadas duramente, dunha forma organizada e mediante múltiples instrumentos dixitais”, ás mulleres do ámbito do coñecemento e ás políticas feministas, “perseguidas nas redes”. Citou como exemplo de comunidades de homes organizadas para executar este tipo de accións como Forocoches, que “está a atacar ás mulleres e crear pensamento machista, intentando chegar de forma moi particular á mocidade”. Ao respecto, amosou sentirse “seriamente preocupada pola influencia das redes” e instou a “que as administracións públicas con capacidade para decidir como a Unión Europea, os gobernos dos Estados e as Comunidades Autónomas establezan normas, instrumentos e medios para facer fronte ao que está a suceder nas redes sociais”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, remarcou que “o discurso xeral pouco a pouco vaise tinguindo de morado, pero hai moitos recunchos a onde non chega, hai espazos onde aínda se escoitan mensaxes denigrantes contra as mulleres”. Engadiu que “o machismo agóchase pero está aí, escondido, é un monstro con moitas cabezas que está introducido nas redes, nos discursos do odio e hai que seguir pelexando, cada día, para conseguir construír esa desexada sociedade xusta, a sociedade feminista”.
Co lema Novos aparatos ideolóxicos. O patriarcado de vixilancia o cuarto workshop reflexiona estes días sobre as novas estratexias ideolóxicas do patriarcado para perpetuarse a través da misoxinia dixital organizada: a chamada manosfera, machoesfera ou manhood, que está a actuar como un novo “aparato ideolóxico”.
Durante a primeira xeira Remedios Zafra, premio Anagrama de Ensaio e premio Internacional de Ensaio Jovellanos, impartiu unha conferencia sobre Patriarcado e capitalismo dixital e Mónica Alario, autora de Política sexual da pronografía. Sexo, desigualdade, violencia e doutora internacional en Estudos Interdisciplinares de Xénero, outra sobre Pornografía online: unha nova educación. Tralas dúas conferencias tivo lugar unha mesa redonda, moderada pola directora da área de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, na que a profesora de Socioloxía Elisa García afondou na Manosfera española e a onda antifeminista: da irreverencia á relevancia política e a historiadora e antropóloga feminista, responsábel de xénero de InteRed, Elena Alfageme, centrouse na construción do pensamento crítico para abordar as estratexias fronte aos discursos negacionistas machistas no mundo dixital. Pola súa banda a doutora en Comunicación e profesora da Universidade da Coruña Mª Teresa Piñeiro puxo o foco nas violencias dixitais contra as mulleres xornalistas e a doutora en Filoloxía Inglesa e formadora Alba Alonso afondou no machismo en todas as plataformas.
Actividade deste xoves
A xornada rematará como dixemos este 3 de novembro, e faino co obradoiro Reescribe o código Obradoiro de educación en ciberactivismo feminista entre as 17.00 e as 19.30 horas na Facultade de Comercio da Universidade de Vigo a cargo de 7H Cooperativa Cultural. O obradoiro contará con dúas partes, arrancando cunha primeira teórica que afondará nas orixes e evolución do ciberfeminismo, atendendo ao emprego da arte e da contrapublicidade como estratexias discursivas. Na segunda parte poranse en práctica as diversas posibilidades que ofrecen ferramentas de comunicación visuais, como a ilustración, o vídeo ou contidos dixitais como os adhesivos, os GIF e os memes, para crear recursos creativos propios e subverter a violencia simbólica que o patriarcado produce e reproduce a través da esfera dixital.

PUBLICIDADE