O ITG instala no Hospital Marcide de Ferrol un innovador sistema de control enerxético

luns, 21 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

O Instituto Tecnolóxico de Galicia rematou a instalación no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol dun sistema de monitorización enerxética que lle vai permitir ao centro sanitario un coñecemento detallado dos índices de consumo dos seus distintos departamentos, servizo fundamental para a posta en marcha de iniciativas que contribúan ao aforro. O proxecto do ITG no hospital ferrolán é, segundo informa o Instituto, o primeiro destas características que se habilita nun centro sanitario público da nosa terra.
En virtude deste servizo, os responsábeis do centro poderán coñecer polo miúdo o gasto enerxético diario e do funcionamento estacional das instalacións. Con este fin, o ITG equipou ao Marcide de varias infraestruturas tecnolóxicas de medida que permiten verificar a curva de carga do hospital a través do control de subministro de combustíbel e de electricidade dos circuítos de calefacción e auga quente. Os datos achegados por estas infraestruturas, que son os resultados das avaliacións, son logo subministrados a un cadro de control onde se tratan e se penduran nunha plataforma web, co fin de visualizalos e facer uso deles. O software que pon en xogo o ITG inclúe entre outras cousas un servizo de alertas que porá aos efectivos do hospital sobre aviso dos consumos enerxéticos que excedan os índices cotiáns ou agardados. Tamén alertará sobre posíbeis incidencias. O sistema de monitotización, todo o servizo por enteiro, tivo no seu xermolo unha colaboración conxunta entre o ITG, o SERGAS e máis o Instituto Enerxético de Galicia, INEGA.

PUBLICIDADE