O ITG e o INTA xuntan forzas para aumentar a capacidade de voo dos drones con hidróxeno verde

luns, 2 de agosto do 2021 S. P.

Simulacro de rescate con drons desenvolvido polo ITG

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) traballarán conxuntamente para que o hidróxeno producido a partir de fontes de enerxía renovábeis sexa unha alternativa para as operacións con drons, constituíndo ademais unha opción viábel e limpa. Segundo informou o ITG, este feito terá especial importancia par aun escenario, o dos vindeiros anos, no que se prevé unha alta densidade de voos.
A alianza investigadora diríxese tamén a incrementar a dispoñibilidade dos vehículos aéreos non tripulados, incrementando a súa autonomía e reducindo os tempos de reposición en puntos de recarga automatizada, coñecidos como vertipuertos.
Ambas as entidades amplían desta forma unha intensa relación previa que nos últimos anos centrouse no ámbito do almacenamento e xestión de enerxía eléctrica de orixe renovábel, ou o desenvolvemento de tecnoloxías facilitadoras para a mobilidade con vehículos eléctricos.
Santiago Rodríguez Charlón, director da División de Enerxía do ITG, destacou que “esta alianza é un paso natural para ambas as institucións. O INTA é o referente da investigación pública no sector aeroespacial e ITG a única entidade privada en España recoñecida como centro de excelencia investigadora Cervera nos ámbitos tecnolóxicos de transición enerxética e o transporte intelixente baseado en mobilidade aérea autónoma”.
Fernando Isorna Llerena, xefe do Laboratorio de Sistemas de Enerxía do INTA, salientou que “a experiencia de traballar co ITG en anteriores proxectos europeos foi excelente, conformando un equipo de traballo con grandes sinerxías e cuxos resultados foron moi satisfactorios”.
Orixe e posibilidades do hidróxeno verde
O hidróxeno verde obtense mediante electrólise, un proceso polo que, a partir de auga e electricidade prodúcese hidróxeno e osíxeno por separado. Trátase dun combustíbel “cuxas únicas emisións son osíxeno e vapor de auga”, indican o ITG e INTA, engadindo que “o traballo con drons de diferentes tamaños permitirá dar servizos con esta enerxía a múltiples casos de uso como labores de inspección ou reparto de paquetería lixeira, pero tamén para a carga de grandes volumes ou transporte de persoas (taxis aéreos non tripulados)”. Amais, a recarga automatizada de hidróxeno posibilitará neste tipo de sistemas incrementar en máis dun 400% a dispoñibilidade de operacións ao evitar a carga de baterías entre dúas operacións consecutivas.
Na actualidade, nos vehículos baseados en enerxía eléctrica e baterías procédese á substitución destas últimas para aumentar a duración do voo. Unha das liñas de traballo conxuntas será a reposición automatizada de hidróxeno a dúas escalas, drons de menos de 25kg e drons de carga.
Para iso, ITG e o INTA seguirán traballando no deseño dunha rede de vertipuertos que incorporen o sistema de recarga automatizada e desatendida de hidróxeno e unha frota de drons de diferentes tipoloxías que permitan validar distintos casos de uso como vixilancia, inspección, seguridade ou transportes.

PUBLICIDADE