O ITG e VigoSoft contribúen á modernización tecnolóxica do sector do viño

xoves, 1 de setembro do 2011 Redacción

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e VigoSoft asinaron un acordo de colaboración para ofrecer unha solución integral para optimizar a xestión de viñedos e adegas. A alianza entre as dúas entidades galegas supón unha aposta pola mellora da competitividade do sector vitivinícola galego con dúas tecnoloxías complementarias que dan soporte á toma de decisións e melloran a xestión.
Neste acordo, ITG achega unha innovadora solución para viñedos que permite, a través de redes de sensores sen fíos, monitorizar parámetros críticos da vide e o terreo, así como ambientais. SensITG Viñedos envía os datos en tempo real ao responsable técnico do cultivo, permitíndolle dispoñer de información actualizada e accesible vía web para tomar as decisións máis axeitadas no momento preciso, rebaixar os custos da explotación e mellorar a eficiencia do cultivo.
Pola súa banda, VigoSoft desenvolveu unha aplicación informática que permite xestionar todo o proceso produtivo da adega, dende o control do viñedo ata a comercialización do produto. Con isto conséguese incrementar o grao de automatización dos procesos de xestión, así como a trazabilidade integral da adega.
A empresa, especializada no desenvolvemento e implantación de solucións de xestión ERP para industria e servizos, é unha gran coñecedora do sector con numerosas adegas como clientes, nas Denominacións de Orixe Ribeiro, Ribeira Sacra e Rías Baixas.
A colaboración entre ITG e VigoSoft supón aplicar o coñecemento do sector e a capacidade de investigación de ambas as dúas entidades en beneficio do sector vitivinícola. Varias adegas xa mostraron o seu interese polas solucións, que poden adquirirse de forma conxunta ou separada.

PUBLICIDADE