O ITG cítanos este xoves cos novos xeitos colaborativos e abertos de construír

mércores, 8 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Este xoves 9 de maio o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) acolle unha xornada sobre construción e novas tecnoloxías: unha cita para poñer o foco no relevante punto onde se tocan (e se enriquecen) arquitectura e innovación. O Encontro GaliciaBIM 2019 dará comezo ás 10.00 horas e estenderase até as 20.00, na sede que o ITG ten no número 9 do Cantón Grande na Coruña. Os encargados de inaugurar as actividades serán o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, e máis o director da Área de Construción Sostible do ITG, Óscar Martínez.
No transcurso da xuntanza reuniranse empresas referenciais dos sectores representados na mesma, poñendo o foco nas súas experiencias coa metodoloxía BIM (Building Information Modeling).
Mostrarase a visión de arquitectos, promotores e responsábeis de administracións, e tamén aspectos clave da dita metodoloxía de traballo colaborativa para a creación e xestión de proxectos.
Pola mañá, empresas e expertos avaliarán a transformación das empresas do sector da construción e exporán casos de estudo. Pola tarde, impartirase un obradoiro teórico-práctico con prazas limitadas sobre o control dixital da xestión dun proxecto (medición, orzamento, planificación, certificación) e a estruturación de datos dos modelos con estándar eCOB.
Que é BIM?
Building Information Modeling (BIM) é unha metodoloxía de traballo colaborativa para a creación e xestión de iniciativas de novos edificios. A súa finalidade é centralizar toda a información dun proxecto nun modelo único de información dixital creado por todos os seus axentes. BIM implica un desenvolvemento dos sistemas de deseño tradicionais baseados no plano, xa que incorpora información xeométrica, de tempos, de custos, ambiental e de mantemento. Froito do seu espírito de traballo en mancomún xurdiu o procedemento openBIM, baseado no uso de estándares abertos para favorecer o intercambio de datos e recursos entre axentes, procesos e aplicacións.

PUBLICIDADE