O INEGA impulsa unha nova ferramenta para permitir que os concellos fagan auditorías enerxéticas en liña

luns, 3 de decembro do 2012 Redacción

Eliseo Diéguez, director do INEGA, nun acto recente cos medios

Cada vez é máis preciso, dende as empresas, os fogares e por suposto as administracións (obrigadas a normalizar e dar exemplo de respecto polo medio ambiente), controlar e xestionar do mellor xeito posíbel os recursos enerxéticos dispoñíbeis. Co fin de facilitarlles este traballo ás administracións que para unha boa parte da cidadanía galega están máis preto, as administracións locais, a Consellería de Economía está a desenvolver unha nova ferramenta informática que lles permitirá realizar auditorías enerxéticas en liña que, entre outras cousas, diagnostiquen a súa situación neste eido de xeito sinxelo e inmediato. Esta aplicación, desenvolvida polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), diríxese a facilitar aos concellos a toma de decisións co fin de reducir custes enerxéticos.
Segundo informa a dita Consellería, os consumos desta índole, no ámbito municipal, sitúanse de media arredor dos 13.000 tep/ano, dos que o 78% corresponde a enerxía eléctrica e, dentro desta porcentaxe, o 70% a iluminación pública.
O novo servizo de diagnose enerxética, infórmase, “permitirá facer avaliacións on-line adaptadas ás particularidades de cada municipio, contribuíndo á identificación de medidas concretas de eficiencia enerxética”. Asemade, engádese, a aplicación será “unha nova fonte de datos estatísticos, axeitados para analizar a implantación de medidas de aforro e eficiencia e o uso das fontes renovables nos municipios galegos”.
A ferramenta, informa o INEGA, estará operativa e accesíbel antes de que remate o ano. A súa posta en marcha insírese nun plan xeral a prol do aforro local xestionado e impulsado pola Consellería e que xa se veu materializando en achegas previas como un servizo informático de cálculo de tarifas eléctricas (para facilitar aos concellos a revisión da facturación de electricidade) que xa está a ser empregado por máis de medio centenar de usuarios. Entre outras cousas, permite rendibilizar a potencia contratada e axustar a demanda de enerxía reactiva, “sinalando as posibles melloras a emprender”.

PUBLICIDADE