O IGAPE subvenciona proxectos galegos de software libre que melloren a produtividade das empresas

luns, 23 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

O software de código aberto é fonte de riqueza e, xa que logo, unha oportunidade para as empresas galegas, tanto se queren camiñar vieiros que non crucen os “dominios” das grandes multinacionais como se queren colaborar entre elas, achegando diferentes elos da cadea co fin de completala. Así o entende o IGAPE, o Instituto Galego de Promoción Económica, que vén de publicar unhas axudas para empresas deseñadoras de código aberto que vaian pór ó alcance do sector económico galego solucións libres de xestión e de mellora da produtividade.
Segundo informa o IGAPE a través de mancomun.org, as iniciativas deberán contar coa participación inicial de polo menos cinco empresas galegas, “que permitan o ensaio e adaptación da aplicación, coa vantaxe de seren usuarios de balde da solución”.
E prosegue o dito instituto galego: “Unha vez acadado o obxectivo de ensaio: adaptación final en polo menos esas cinco empresas, o proxecto establecerá un compromiso de cesión e adaptación gratuíta en polo menos 10 empresas galegas máis”.
O prazo para presentar solicitudes remata o día 31 de maio.
As empresas deberán achegar para o proxecto polo menos un 25% do seu importe. A cantidade subvencionable é de ata 150.000 euros.

PUBLICIDADE