O IGAPE organizará a edición galega dos Premios EmprendedorXXI

venres, 1 de abril do 2016 Redacción

La Caixa (Caixa Capital Risc) e o Ministerio de Industria (a través de ENISA) veñen de convocar a décima edición dos Premios EmprendedorXXI, un certame dirixido a “identificar e recoñecer as firmas con maior potencial de medre en España”. O concurso, que abrangue empresas estatais innovadoras con menos de 3 anos de andaina ás súas costas, terá unha vez máis edición galega. Esta vertente contará co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) en labores de organización. Outorgaranse cinco premios sectoriais de ámbito estatal e 17 premios autonómicos. Os galardóns sectoriais distinguirán as mellores empresas nos eidos das Ciencias da Vida, as Tecnoloxías da Información, os Negocios Dixitais, o ámbito Agroalimentario e as Tecnoloxías Industriais. Ademais, concederanse dous accésits: un á mellor innovación tecnolóxica e outro ao proxecto con meirande pegada social na súa contorna.
Os emprendedores que queiran presentar as súas iniciativas teñen de prazo desde o 30 de marzo até o 30 de maio para enviar a súa candidatura á páxina web emprendedorxxi.es. Durante os meses de xuño, xullo e agosto valoraranse as candidaturas e procederase á escolma dos finalistas. Despois, en setembro e outubro celebraranse os actos de entrega dos premios autonómicos, incluído o premio galego.. Pola súa banda, o fallo final dos Premios EmprendedorXXI, na súa fase estatal, celebrarase en novembro en Barcelona.
As empresas gañadoras a nivel autonómico recibirán 5.000 euros, así como unha bolsa para participar nun curso intensivo de crecemento empresarial, Ignite Fast Track, impartido na Universidade de Cambridge (Reino Unido).
A nivel sectorial, os gañadores de cada ámbito obterán unha achega económica de 25.000 euros e o acceso de balde durante seis meses ás Peer-to-Peer Advisory Board, reunións mensuais dirixidas por un adestrador especializado en innovación e emprendemento co obxectivo de acompañar aos directores executivos de cada firma na definición de cadansúa folla de ruta. Ademais, terán acceso a un programa de acompañamento valorado en 25.000 euros, con actividades adaptadas ás necesidades e acceso preferente ao financiamento de Caixa Capital Risc e ENISA.
Edición galega 2015
Como lembraremos na edición de 2015 en Galicia participaron 22 empresas. Resultou gañadora a empresa Situm, que se adica á venda dunha tecnoloxía multisensorial de localización de smartphones en interiores, que permite coñecer a posición do dispositivo nun edificio e ofrecer unha gran diversidade de servizos xeoposicionados. A compañía obtivo un premio en metálico de 5.000 euros e a participación no curso de aceleración do negocio na Universidade de Cambridge, o devandito Ignite Fast Track.

PUBLICIDADE