O IGAPE facilitou a constitución telemática de 900 empresas galegas

luns, 30 de agosto do 2010 Raquel Noya

O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), dependente da Consellaría de Economía e Industria, vén de facer reconto do que dou de sí a rede de Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT) dende a súa posta en funcionamento, e os resultados semellan ser moi positivos posto que facilitou a tramitación para a constitución de 900 novas sociedades mediante o sistema telemático, situándo a nosa comunidade autónoma na segunda de España por número de empresas creadas por esta vía, só por detrás da de Madrid, onde se puxo en marcha antes.
Este sistema, que está baseado nas novas tecnoloxías, incorpora a figura xurídica Sociedade Limitada Nova Empresa (SLNE), especialmente orientada aos impulsores de novas iniciativas empresariais e en Galicia está a ser moi requirida desde o comezo. O sistema de tramitación telemática xa está estendido tamén ás sociedades de responsabilidade limitada (SRL), e basicamente axiliza o proceso de constitución de novas empresas, ao tempo que evita moitos trámites burocráticos aos emprendedores.
Deste xeito, desde o momento en que os promotores acoden ao notario (única xestión presencial xunto coa realizada no PAIT do Igape) ata quedaren constituídas as súas empresas pasan por termo medio, segundo informan dende o IGAPE, “só 1,38 días hábiles, no caso das empresas constituídas como SLNE” mentres que a media no conxunto das comunidades do Estado onde está implantado o sistema é de 3,6 días.
Achegar aos novos empresarios a información detallada sobre as posibilidades e beneficios que aporta a SLNE para os emprendedores e, ao mesmo tempo, facilitar a constitución de novas empresas abeiradas a esta fórmula xurídica, son os obxectivos dos 7 Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT) abertos para Galicia polo Igape.
Segundo informan dende o IGAPE, os PAIT dispoñibles nas oficinas que ten o Instituto nas diferentes cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo) “permiten ós emprendedores que impulsen proxectos empresariais de pequena dimensión crear as súas empresas de maneira áxil, con apoio e asesoramento directos e con plenas garantías xurídicas”.
Desde que se ampliou a tramitación telemática para facilitar igualmente a constitución de forma áxil das Sociedades de responsabilidade limitada convencionais (SRL), os PAIT do Igape sumáronse á iniciativa. A constitución de SRL por este sistema baseado nas TIC require en Galicia, por termo medio, un prazo de 7,84 días, fronte a unha media que para o conxunto de España é de 11,7 días.
Os PAIT do Igape informan, orientan e prestan servizos ós emprendedores tanto na definición e tramitación administrativa das súas iniciativas empresariais como sobre as distintas axudas públicas ás que poida acollerse o proxecto. A través do espazo sobre SLNE da web do Igape, os emprendedores poden atopar información detallada sobre os pasos a seguir para a creación dunha empresa por esta vía, así como acceder a todas as ferramentas interactivas que están ó seu dispor, con ligazóns a webs do Ministerio de Industria, da Axencia Tributaria ou da Seguridade Social.

PUBLICIDADE