O IGAPE aposta pola formación en ciberseguridade como “desafío irrenunciábel”
xoves, 21 de abril do 2016
A Asociación para o
Progreso da Dirección (APD) e máis o IGAPE organizan hoxe en
Santiago unha xornada
técnica sobre ciberseguridade, no Hotel Porta do Camiño e con
relatorios que se estenden até as 14.30 horas. A inauguración do
encontro contou
coa presenza polo director do instituto galego, Javier Aguilera, que
salientou a capacitación de técnicos e directivos como un aspecto
clave para que as empresas poidan previr ou minimizar os riscos de
ciberataques. Tamén lembrou o papel xogado polo Centro de Novas
Tecnoloxías de Galicia (CNTG) en materia de formación especializada
(e continua) sobre protección dixital e salvagarda de información.
A xornada de hoxe insírese no programa Capacita, en palabras de
Aguilera, un exemplo máis deste compromiso a prol da divulgación en
seguridade TIC.
O director do IGAPE
engadiu que “apostar pola ciberseguridade desde as empresas é
imprescindíbel para garantir a súa competitividade, ao tempo que
recoñeceu que os clusters tamén están a actuar neste eido”.
Asemade, sinalou que a protección da información e das
comunicacións, “reforzada mediante a formación especializada a
directivos e técnicos”, ten que constituír “un desafío
irrenunciábel”.
A xornada sobre a
ciberseguridade nas empresas que se desenvolve hoxe en Santiago
inclúe relatorios sobre a seguridade da información na estratexia,
sobre a xestión de novas ameazas, sobre oportunidades e riscos da
xestión masiva de datos (Big Data), sobre a tecnoloxía como
facilitador da xestión corporativa de riscos ou sobre o novo
regulamento Europeo de Protección de Datos. Entre os relatores
participaron directivos de empresas como Emetel, Microsoft España,
Grupo Barrabés, BVC Artai, Elecnor ou Grupo El Corte Inglés. Os
asistentes tamén tiveron a oportunidade de coñecer casos reais de
ciberataques a empresas.