O IES de Ortigueira visita o CITIC con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia

venres, 11 de febreiro do 2022 S. P.

O venres 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, un grupo de 13 alumnos e alumnas de bacharelato do IES de Ortigueira visitou o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña xunto coa súa profesora de Tecnoloxía.
A visita comezou no Demostrador Tecnolóxico cunha presentación do centro e as súas capacidades por parte do subdirector Javier Pereira. Posteriormente, o grupo realizou unha visita guiada polas instalacións do centro, centrada especialmente no CPD (Centro de Proceso de Datos), da man do responsábel da unidade de sistemas, Alejandro Mosteiro, que explicou o seu funcionamento.
A continuación, a investigadora Adriana Dapena ofreceu un obradoiro de electromagnetismo, no que os e as estudantes puideron coñecer principios básicos nesta área e a súa aplicación en diferentes ámbitos como o control do tráfico vehicular.
Ademais, Dapena incidiu na importancia da interdisciplinariedade no ámbito TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), explicando a combinación de diferentes especialidades e materias para o desenvolvemento da actividade investigadora. Tamén puxo en valor a presenza feminina na ciencia e, en concreto, na informática.
Para finalizar, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer e probar diferentes proxectos expostos no Demostrador Tecnolóxico nos ámbitos da robótica e a Realidade Virtual, xunto co investigador Adrián Xuíz.

PUBLICIDADE