O IES García Barbón de Verín entrega os seus premios aos mellores blogs dos estudantes

martes, 3 de xuño do 2014 Redacción

O IES García Barbón de Verín vén de celebrar a sétima edición do Premio de Blogs Escolares, Barbón Blog. Trátase dun concurso dirixido a salientar as mellores achegas dos estudantes en materia de comunicación persoal na Rede, con feitura de bitácora. Participaron nel, unha vez máis, alumnas e alumnos da materia de Tecnoloxías da Información e a Comunicación de primeiro curso de Bacharelato. Asemade, o centro de ensino presentou o Proxecto Pipe 2014, Proxecto Internet para Estudantes, que se encamiña a aproximar aos rapaces aos mellores recursos da Rede para o ensino e a aprendizaxe.
Volvendo ao certame, dicir que se apoia directamente nas múltiples vantaxes comunicativas que poñen en xogo os cadernos persoais en liña. Segundo nos conta a organización do concurso, “o uso cotián do blog na aula permite potenciar as habilidades dixitais e lingüísticas do alumnado e motivalo para favorecer a capacidade de aprender, amais de facelo dunha maneira cada vez máis autónoma”. O acto de entrega de premios tivo lugar no salón de actos do IES García Barbón o día 2 de xuño de 2014 ás 13.30 horas. A continuación damos conta das bitácoras recoñecidas.
1 Viviana Anes Afonso, polo seu blog anesvivi.blogspot.com.es. Recibiu unha tablet dixital.
2 Saúl Otero García, pola bitácora ticdevolta.blogspot.com.es. O premio foi unha tablet dixital.
3 Cristian Vivián Fernández. Por cristianvivian.blogspot.com.es. Tamén recibiu unha tableta.
4 José Ángel Penín González. Polo caderno persoal maisquetics.blogspot.com.es. Recibiu unha memoria USB de 32 Xb.
5 Braian Machado Domínguez, polo seu blog braianbarbon.blogspot.com.es. Recibiu unha memoria USB de 16 Xb.
6 Rogelio García Losada, polo seu caderno persoal rogeliogarcialosada.blogspot.com.es. Foi premiado cunha memoria USB de 8 Xb.

PUBLICIDADE