O ICOIIG prepara ás empresas de Santiago ante a revolución do Big Data

luns, 1 de abril do 2019 Redacción

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) organizou o venres 29 de marzo unha nova sesión dos seus cursos da Oficina de Transformación Dixital. Desta volta, igual que na cita previa do día 26 (na Coruña), o ICOIIG e as firmas convidadas abordaron as grandes posibilidades que se abren perante as empresas coas tecnoloxías intelixentes: as encamiñadas a tirar conclusións e pautas de valor da información inxente (o Big Data) e máis as dirixidas a establecer comunicación entre todo tipo de obxectos e novos dispositivos de uso común nos fogares, nas empresas, nos edificios públicos e nos espazos públicos: a Internet das Cousas (IoT).
En primeiro lugar interveu Guillermo López Taboada, profesor da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e director executivo (CEO) de Torusware, empresa especializada na explotación de datos. López Taboada explicou na primeira das charlas os fundamentos do Big Data e como se aplica en grandes empresas. tanto no ámbito internacional como casos relevantes en Galicia. Ademais, deu conta de diversas ferramentas de business intelligence que permiten xestionar datos macro nas compañías.
A intervención sobre o IoT (a Internet cas Cousas) correu a cargo de Rubén Lestón Roibás, responsábel de Organización e Compras na empresa Prodimar. Grazas ao seu relatorio, os asistentes puideron coñecer as diversas tecnoloxías deste ámbito tecnolóxico e das vantaxes que teñen avances e servizos como poder ter localizado nunha emprega calquera elemento ou ben da maneira máis económica. Segundo fixo saber, o principal beneficio das cousas conectadas na actividade empresarial é a xestión eficiente de materias primas e produtos terminados a un prezo razoábel.
As persoas que participaron nesta charla interesáronse sobre as opcións de aplicar estas tecnoloxías en casos concretos.
124 accións nos vindeiros meses
As actividades de hoxe enmárcanse nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ao sete principais cidades galegas até o próximo mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE