O Hub Audiovisual galego acadou un impacto económico de máis de 32 millóns de euros

martes, 13 de febreiro do 2024 S. P.

O Hub Audiovisual - Industria Cultural Galega supuxo un incremento da produción cultural galega en máis de 32 millóns de euros, contribuíu á materialización de 109 proxectos de distintas naturezas e disciplinas artísticas e acadou a creación de 777 postos de traballo anuais equivalentes a tempo completo. Así se reflicte no informe de resultados económicos presentado este martes 13 polo grupo investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que levou a cabo o estudo.
Á presentación, celebrada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, asistiron o secretario xeral da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil.
O informe, levado a cabo polo grupo Posmark (Persoas, Organizacións Sostibles e Márketing) da USC, que integran María Bastida, Miguel Á. Vázquez Taín e Marisa del Río, reflicte que o Hub propiciou a mobilización de 28,5 millóns de euros en dous ámbitos de actuación principais polo seu maior potencial tractor: o audiovisual e a música. Engadiuse tamén un eido transversal, destinado á adquisición de activos e materiais tecnolóxicos por parte de empresas e entidades culturais.
Presentados 249 proxectos de 90 entidades
Foron 90 entidades diferentes as que resultaron adxudicatarias dalgunha das subvencións mobilizadas, ás que se presentaron 249 proxectos, dos que 121 foron beneficiarios e 109 os finalmente desenvolvidos. O Hub tamén implicou a licitación da iniciativa Galicia Film Commission, que inclúe unha plataforma tecnolóxica e a dixitalización de obras do patrimonio audiovisual galego do arquivo da Filmoteca de Galicia.
Así, na listaxe de proxectos financiados cóntanse nove rodaxes: tres longametraxes (13 exorcismos, Amigos hasta la muerte e Tratamos demasiado bien a las mujeres), cinco series de ficción (Hasta el cielo, Os argonautas e a moeda de ouro, Operación Marea Negra II, Rapa I, Rapa II e Los enviados) presentadas por seis produtoras galegas. Tamén se contribuíu á preprodución de 64 obras audiovisuais a cargo de 25 entidades beneficiarias: foron en concreto 16 proxectos individuais, 13 paquetes de propostas con 48 obras, 49 longametraxes e 15 series de ficción ou documentais (seis dos 64 títulos foron de animación).
No informe o grupo da USC destaca especialmente as cifras derivadas das súas convocatorias para a atracción de rodaxes ao territorio galego, xa que cun investimento de 2,7 millóns de euros acadouse un impacto superior aos 22 millóns.
Ademais, como parte do sector audiovisual, “fomentouse a actividade de exhibición cinematográfica de sete entidades e cines, con atención especial á promoción de novos públicos, e desenvolvéronse dous videoxogos educativos e de lecer de produción galega”, sinálase no informe, no que tamén se pon o foco no ámbito musical, no que o Hub facilitou a organización de máis de 500 concertos e outras producións musicais. Os 157 concertos que acolleron 11 espazos da Rede Galega de Música ao Vivo, a produción de tres discos, nove sinxelos, 24 clips e máis de 360 actuacións adicionais incidiron na actividade de 50 grupos e artistas de 21 promotoras e empresas distintas.
No informe explícase tamén que as empresas e entidades culturais galegas tiveron no Hub da Xunta “un medio para se capitalizar tecnoloxicamente a través do desenvolvemento de seis aplicacións informáticas para a xestión cultural e da adquisición de equipamentos técnicos e dotación de activos cos que se modernizaron 33 escenarios e infraestruturas”.
No que respecta ao impacto económico global, o informe revela que a taxa de retorno sobre as axudas foi do 119,11 %, do que o 21,82 lle corresponde á Administración galega, o que supón a recuperación duns catro euros por cada euro investido.
O Hub Audiovisual - Industria Cultural Galega contou co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional dentro do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER 2014-2020 como parte da resposta europea á pandemia da COVID-19.

PUBLICIDADE