O HTC Shift de Telefónica completa as posibilidades de traballar a distancia

venres, 22 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Telefónica, no vieiro de mellorar os seus dispositivos con solucións para traballar en mobilidade, vén de lanzar en España o HTC Shift, un revolucionario equipo con aspecto de pequeno ordenador portátil que reúne tódalas características necesarias para traballar coma nun PC convencional mentres o usuario viaxa ou está lonxe da oficina.
Este terminal dispón de capacidade e potencia suficientes para empregar Microsoft Windows Vista como sistema operativo e conta con conectividade HSDPA integrada de Telefónica para unha navegación por Internet a unha velocidade de 7,2 Mb por segundo.
Asemade, o HTC Shift conta cunha táctil de gran tamaño, teclado qwerty completo e un deseño lixeiro e funcional: 207 mm de lonxitude, 129 mm de anchura, 25 mm de altura e 800 gramos de peso.
Este ultramóbil de Telefónica foi especialmente deseñado (polo seu reducido tamaño) para ser usado por profesionais, autónomos, responsables de pequenas e medianas empresas e clientes residenciais de Telefónica con importantes necesidades de acceso á información en mobilidade, sobre todo Internet e correo electrónico.
O terminal tamén inclúe o último en seguridade para protexer o disco duro, un lector biométrico de pegada dixital que garante a intimidade dos datos do equipo así como un innovador sistema de protección de disco ante golpes e caídas, o G-Sensor, que reacciona ós cambios de gravidade e velocidade e evita posibles perdas de datos.
Por último, e non menos importante, o HTC Shift tamén incorpora o software NTR Connect Pro, que permite acceder de xeito remoto e seguro ó PC da oficina ou da casa e traballar cos documentos que o usuario precise. A cota para este servizo ofrécese en oferta como cliente Movistar dende 4 euros ó mes.
O prezo no mercado (incluíndo a alta co módulo de datos Tarifa Plana 3,5 G Sen Límites) cunha versión de Microsoft Office (de proba) preinstalada é de 899 euros.

PUBLICIDADE