O HTC Magic non recibirá actualización a Android 2.1

luns, 14 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Vodafone levara o HTC Magic á feira IFA 2009

A fragmentación de Android está a ser un problema que parece provocado en boa medida no deficiente soporte que os fabricantes dan aos seus produtos, de xeito que moitos móbiles continúan a comercializarse co Android 1.5 e 1.6 cando a versión actual é a 2.2, e aínda que, tras múltiples queixas dos usuarios, en breve vaiamos ver que o HTC Hero recibe oficialmente unha actualización a Android 2.1, os usuarios de HTC Magic parecen estar bastante abandonados, e dende un foro de Vodafone aseguran que a actualización deste móbil a Android 2.1 está totalmente desbotada, aínda que non descartan que poida chegar a lanzarse unha actualización a Android 2.2 este mesmo ano.
Esta información resulta especialmente sorprendente porque nos últimos meses comentouse en numerosas ocasións que o sistema operativo dos HTC Magic sería actualizado en breve, o que non sería mentira se finalmente chega unha actualización a Android 2.2 (que loxicamente carecería da meirande parte de melloras por limitacións propias do terminal).

PUBLICIDADE