O Grupo Nogar introduciu o Big Data e a Visión Artificial nos seus procesos loxísticos no porto de Marín

venres, 21 de xullo do 2023 S. P.

A conselleira Lorenzana durante a súa visita ao Grupo Nogar/ Imaxe de Punto GA - M. Riopa para Pontevedraviva.com

O Grupo Nogar, compañía loxística con centro de operacións principal no porto de Marín, compartiu esta semana os detalles do seu recente proceso de transformación tecnolóxica, un proceso que pasou pola aplicación de novas ferramentas de Big Data (análise da información a gran escala) en todas as súas actividades.
O proxecto supuxo un investimento de 2,8 millóns de euros e foi apoiado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, que achegou 1,2 millóns.
"É un orgullo ver que en Galicia temos exemplos de empresas que souberon reinventarse e ter visión estratéxica para engadir innovación e investigación aos seus procesos produtivos", destacou a conselleira de Economía, Emprego e Innovación, María Jesús Lorenzana.
Lorenzana acudiu este mércores 19 de xullo ás instalacións do Grupo Nogar en Marín para comprobar os freitos deste proxecto, no que participan as empresas Galigrain, P&J Carrasco, Protea Produtos do Mar e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial.
O proxecto de transformación, segundo detallaron os responsábeis da empresa, afondou nas posibilidades da tecnoloxía como ferramenta esencial de optimización loxística, introducindo a automatización, os sistemas de sensórica, o Big Data e mesmo o manexo de xemelgos dixitais que supoñen “melloras considerables na operativa diaria das empresas participantes”. A iniciativa fixo posíbel vantaxes concretos como introducir tecnoloxías de Visión Artificial para facilitar a identificación de camións, mercadorías e almacéns, con vistas a optimizar a eficiencia e a seguridade nos proxectos. O proxecto desenvolveuse para a carga, descarga e almacenamento de graneis, pensos, produtos conxelados e cargamentos de aluminio.
A iniciativa que lidera o Grupo Nogar é un dos 24 proxectos que a Xunta leva apoiado nas catro edicións que ata o de agora se levan convocado do programa Fábrica Intelixente e Sustentábel para impulsar a transformación da industria galega. A estas, súmase una quinta que xa está aberta ata o 2 de outubro cun orzamento de 24 M€. Segundo precisou, neste tempo beneficiáronse destas axudas 68 empresas e centros de investigación e se mobilizaron 275 M€ de investimento público-privado (76 M€ por parte da Xunta).


PUBLICIDADE