O Grupo GTI da UVigo participa en Barcelona no Mobile World

martes, 26 de febreiro do 2019 Redacción

O Grupo de Tecnoloxías da Información, integrado no centro AtlantTIC da Universidade de Vigo, está a participar esta semana en Barcelona no Mobile World Congress (MWC), punto referencial de encontro arredor dos principais avances en tecnoloxía móbil e conectividade, que este ano pon o foco (entre outras cousas) no estándar 5G. Encabezando a delegación da UVigo atópase o investigador Felipe Gil, que lembra que é a segunda vez que participan no evento (formando parte do stand da empresa Cellnex Telecom). Polo congreso está previsto que pasen máis de 100.000 persoas procedentes de máis de 200 países.
O grupo volve compartir espazo con Cellnex, operador europeo de infraestruturas de telecomunicacións sen fíos, presentando os avances do seu traballo conxunto. “Este ano avanzamos máis neste proxecto, un traballo que se insire precisamente en todo o que son as tecnoloxías de telecomunicación 5G”, apunta Gil, ao tempo que salienta que o labor do grupo GTI céntrase en facer as redes máis flexíbeis e máis dinámicas. “Trátase”, segundo explica, “de que as redes se poidan reconfigurar cando non satisfán os requisitos de latencia ou de capacidade que está demandando o usuario/a”. E engade: “Utilizando diferentes técnicas o que facemos é reconfigurar a rede en tempo real dunha forma intelixente para que sexa capaz de axustarse a eses requisitos ou a esas necesidades”.
Centrado en tecnoloxías intelixentes en rede, aplicacións avanzadas, análise de datos e Intelixencia Artificial, o Grupo GTI da Universidade de Vigo ten unha ampla experiencia en transferencia tecnolóxica, que é, en si mesma, un dos principais fundamentos do Mobile World Congress, precisamente.
Durante a celebración do Mobile World Congress celébrase tamén a 4YFN (4 Years From Now), unha plataforma de negocio de novas firmas innovadoras na que este ano tamén participa Ancora, spin-off da Universidade de Vigo que comercializa licenzas de uso de tecnoloxía en función da súa posíbel utilización (industria, loxística, oficinas comerciais...) cun modelo de pago recorrente.

PUBLICIDADE