O Grupo Euskaltel formaliza a compra de Telecable e a súa intención de ser líder no norte de España

xoves, 27 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Francisco Arteche e Alberto García Erauzkin, conselleiro delegado e presidente de Euskaltel, nunha imaxe de El Diario Vasco

O Grupo Euskaltel formalizou onte a adquisición do 100% do capital de Telecable, unha operación que xa anunciamos en maio dende Código Cero, sinalando que viña motivada en boa medida pola arela de configurar no norte de España un gran grupo de telecomunicacións, potente, competitivo e referencial. De feito, o Grupo parte para este obxectivo dunha axeitada liña de saída, cos seus diferentes integrantes copando boa parte do mercado das súas Comunidades de orixe: Euskaltel lidera o mercado en Euskadi, e Telecable e R tamén son referentes en Asturias e Galicia, respectivamente.
A formalización da compra produciuse tras a súa ratificación na xunta xeral de accionistas do Grupo celebrada o pasado 26 de xuño, e a súa aprobación por parte da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. En palabras do Grupo, “esta operación é un importante fito na historia das compañías e do propio sector, significa a creación do operador converxente de fibra óptica líder no norte dentro do mercado das telecomunicacións do Estado”.
Segundo engaden os responsábeis da fronte empresarial, a operación dota ao Grupo Euskaltel e a cada unha das marcas que o compoñen, incluída a galega R, “de maiores fortaleza, eficacia e capacidade de crecemento, nun sector de gran competencia como o das telecomunicacións”.
O Grupo tamén anunciou que a partir de agora ofrecerá os seus servizos a un mercado de 6 millóns de persoas, aumentando un 20% o mercado de seu e fornecendo de 2,4 millóns de servizos diarios a máis de 800.000 clientes, cun elevado cociente de penetración (67%) de 3 e 4 produtos na súa base de clientes.
Por certo que a suma do tres mercados nos que opera o Grupo (Euskadi, Galicia e Asturias), representa o 12,76% da poboación e o 13,34% do PIB do conxunto do Estado. A compañía tamén reiterou onte a súa intención de seguir sendo comprometida localmente coas Comunidades das que proveñen as súas firmas integrantes, mantendo o carácter e a identidade orixinaria das tres empresas, Euskaltel, R e Telecable, “o que se traduce na continuidade e fortalecemento das súas marcas”. Segundo conclúe o Grupo referíndose ás vantaxes directas para os usuarios, alén do mantemento das liñas de identidade, “esta unión do tres operadores beneficiará a clientes, empregados e provedores, porque o tres compañías comparten unha firme e decidida aposta pola proximidade, a calidade e a innovación en produtos e servizos”.

PUBLICIDADE