O Grupo Euskaltel rexistra perdas no último trimestre

mércores, 28 de abril do 2021 S. P.

O Grupo Euskaltel, do que forma parte a operadora galega R, presentou o balance de actividade relativo ao primeiro trimestre, un repaso de cifras no que destacan varios datos relevantes. Por exemplo, que o grupo vén de bater o récord de clientes e de medrar en un 1,4 % ao longo do dito período. Os ingresos acadaron os 174,2 millóns de euros. Tamén se fai saber que Virgin Telco, a nova marca do ámbito estatal, foi quen de superar os 101.000 clientes en só 10 meses no mercado, chegando aos 10,5 millóns de euros en ingresos; aínda que a compañía na súa nota de prensa parece querer ofuscar o feito de que durante o primeiro trimestre de 2021 rexistraron unhas perdas de 2,1 millóns de euros, cando no mesmo período do ano anterior daban uns beneficios de 19,1 millóns de euros.
En concreto, no balance sinálase que o grupo superou o récord dos 847.000 clientes no mercado masivo, un 10,2 % máis dos rexistrados no primeiro trimestre de 2020. Este medre prodúcese tanto na base de clientes de rede fixa como de móbil.
Por segmentos, os servizos que máis medraron no primeiro trimestre de 2021 sobre os do ano anterior foron o de telecomunicacións móbiles, con 137.000 novos servizos contratados, e banda larga ultrarrápida, con 78.000 servizos máis que marzo do 2020.
A TV crece con 9.000 novos servizos, cunha penetración superior ao 70 % da súa base de clientes. Pola súa banda, a telefonía fixa volve á senda do crecemento neste último trimestre.
Os produtos e servizos de alto valor contratados nos fogares clientes do Grupo Euskaltel ascenden xa a unha cifra récord de máis de 3 millóns.
Polo que respecta ao mercado de empresas, presentou o meirande incremento de ingresos da súa historia, aumentando nun 9% a respecto do primeiro trimestre do ano anterior, ata acadar os 32,3 millóns de euros.
Neste momento, o Grupo Euskaltel acada unha cobertura de rede de fibra óptica de 24 millóns de fogares a nivel nacional, o que impulsa o rápido crecemento de Virgin Telco no mercado.
No balance tamén se explica que no primeiro trimestre iniciouse o plan de modernización de rede de cable a FTTH en Euskaltel, R e Telecable, que se executará sobre unha base de 480.000. Esta actualización da rede realizouse xa en 45.000 fogares de 30 concellos dos tres mercados: Euskadi, Galicia e Asturias.

PUBLICIDADE