O Green Campus da Uvigo impulsa o gran álbum online dos paxaros que nos animan no confinamento

martes, 14 de abril do 2020 S. P.

Se cadra hai xente que nunca antes se fixou tanto nos paxaros e nos seus chíos coma nestes días de confinamento e, polo tanto, con máis tempo para concentrarnos en detalles. Tendo en conta isto e tendo en conta tamén as posibilidades das redes para compartir os escintileos de beleza que aparecen nos nosos xardíns, terrazas ou xanelas, o Campus de Pontevedra (UVigo) puxo en marcha a iniciativa Canto paxariño, impulsada polo programa Green Campus da Vicerreitoría, xunto coa Oficina de Medio Ambiente da Universidade (OMA). Trátase de tirar proveito das redes sociais para incorporar colectivamente as diferentes partes do que sería, ao remate, o gran álbum paxaril do confinamento.
A través de Canto paxariño anímase á cidadanía a avistar aves a través das ventás e concienciar á xente da importancia de preservar a biodiversidade. A iniciativa arrincou a pasada semana subindo á web da Universidade e ás redes sociais o texto de presentación deste proxecto, polo que cada semana difundiranse dúas ou tres imaxes de especies de paxaros “que sexan doados de ver e relativamente frecuentes”, como explica o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, xunto cun texto divulgativo sobre a especie, o seu hábitat e as ameazas ás que está exposta.
Esta actividade arrincou a pasada semana coa publicación da ficha do Pinzón vulbar (Fringilla coelebs), e continuou este luns coa do Ferreiriño azul (Cyanistes caeruleus).

PUBLICIDADE