O Goberno quere regular as caixas de botín nos videoxogos

venres, 28 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

O Ministerio de Consumo está a preparar unha nova regulación do xogo en España, e o ministro de Consumo, Alberto Garzón, explicou no Congreso dos Deputados que entre as medidas que teñen previstas figuran normas para as moi criticadas caixas de botín que inclúen numerosos xogos e que están consideradas como xogos de azar ao alcance de menores de idade, que promoven un consumo compulsivo e poden xerar adiccións.
Garzón recoñece que as caixas de botín «están incluso en xogos para menores de idade, e nin os pais e nais os coñecen. Incluso con músicas semellantes ás comecartos para incentivar aos menores. Temos que regulalo e xa estamos estudando o xeito».
Neste momento as medidas do Goberno van dirixidas a limitar a publicidade dos xogos de azar, pero a incorporación de xogos de azar dentro de videoxogos tamén é un tema a abordar, aínda que por fortuna o propio mercado soubo castigar certas prácticas, de xeito que moitos editores de videoxogos abandonaron as caixas de botín e os micropagamentos máis abusivos para adoptar modelos de negocio máis razoables, como os pases de tempada.

PUBLICIDADE