O Goberno presenta axudas por 477 millóns para proxectos tecnolóxicos innovadores

xoves, 16 de maio do 2013 Redacción

Coincidindo coa celebración estatal do Día Mundial das Telecomunicacións e o Día de Internet (este venres 17 de maio), o ministro de Industria, José Manuel Soria, anunciou hoxe que o Goberno destinará 477 millóns de euros a proxectos tecnolóxicos innovadores co fin de impulsar a I+D+i e “incrementar a competitividade a través da incorporación de novas tecnoloxías á economía estatal”. Do total de axudas, 422 millóns destinaranse a préstamos e 55 millóns de euros a subvencións. Soria fixo saber que a convocatoria de axudas de 2013 publicarase nos vindeiros días e avogou por impulsar “un axeitado desenvolvemento e emprego das TIC, que servirán como instrumento para o cambio cara a un modelo de crecemento económico sustentable”, subliñou.
Con este fin de apurar ao máximo o cambio de rumbo produtivo cara a actividades opostas ás que nos levaron á crise, Soria engadiu que o Goberno fixo un esforzo “para mellorar as condicións de financiamento desta convocatoria e fomentar o investimento en I+D+i.”. Así, o pago das axudas, nas súas dúas modalidades de subvención e préstamo, efectuarase con carácter anticipado parcial en dous pagos. O primeiro, que será polo 75% da axuda total, realizarase en 2013 e o segundo, en 2014. Para facilitar a obtención da axuda, o Ministerio de Industria tamén engade que fixou nun 25% do importe total das axudas as garantías que os adxudicatarios deberán presentar, fronte ao 35% do ano pasado. Os préstamos para estes proxectos concederanse a un tipo de interese do 0,528% (Euribor a 1 ano) cun prazo de amortización de 5 anos, incluídos 2 de carencia, fronte ao interese do 3,95% da convocatoria do ano pasado. As axudas en forma de subvención, engadiu Soria, acadarán un 20% ou un 12% do proxecto para PEME e dun 15% ou un 9% para o resto, segundo a valoración que se estableza de cada proxecto.
Os proxectos que queiran optar ás axudas deberán estar incluídos nalgunha destas prioridades temáticas: industrias do futuro (Internet do futuro, computación na nube; tratamento masivo de datos, aplicacións para o ecosistema móbil, aplicacións para cidades intelixentes); ciberseguridade e confianza dixital; aplicacións e soluciones TIC orientadas á mellora da competitividade da PEME; evolución da Administración Electrónica; aplicacións de xestión ambiental; e aplicacións e solucións relacionadas cos contidos dixitais. O prazo para presentar proxectos iníciase ao día seguinte da publicación de convocatoria e finalizará o 6 de xuño.