O Goberno pídelle ao sector TIC o envío de achegas para dar forma á Axenda Dixital española
luns, 14 de maio do 2012
A Axenda Dixital Española está aberta á participación
do sector das novas tecnoloxías da información. Así
o informan os departamentos do Goberno central encargados de darlle forma
(Ministerios de Industria e Facenda), que nun comunicado conxunto, fan un
chamamento ás empresas para que contribúan con cadansúa achega na elaboración
desta folla de ruta en materia TIC. A finalidade da Axenda, sinalan, é a de ter
un impacto real na vida dos cidadáns e na mellora da competitividade das
empresas.
Xa nun eido máis específico, contémplanse liñas de
actividade como o despregue de redes e servizos “que garantan a conectividade dixital”, o desenvolvemento da economía
en liña para o medre do sector (dentro e fóra de España), a mellora da
Administración Electrónica no camiño da eficacia nos servizos públicos ou o pulo
ao sistema de investigación e desenvolvemento en materia TIC. Por certo que co
fin de canalizar a devandita colaboración do sector produtivo tecnolóxico-dixital
(e máis da cidadanía) na elaboración da Axenda, o Goberno puxo en marcha unha
enquisa dixital e máis unha Oficina Técnica que serve de punto de envío e
recepción de aquela. A enquisa baséase nos obxectivos principais da Axenda e
poderanse facer achegas a un ou varios dos puntos estratéxicos. O prazo de recepción de
contribucións remata o 31 de maio. Deberán
ser enviadas á conta de correo electrónico adpe@minetur.es.
