O Goberno levará alta velocidade a 1.800 fogares e empresas de O Valadouro e Alfoz

luns, 27 de marzo do 2023 S. P.

A subdelegada do Gobierno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou este luns 27 a comarca da Mariña (Lugo) e debullou os plans do Goberno para dotar de conectividade a totalidade da contorna, poñendo o foco no rural. En concreto, garantiu o 100% de cobertura de acceso a Internet de alta velocidade na provincia de Lugo.
Isabel Rodríguez desprazouse até A Mariña onde visitou os concellos do Valadouro e Alfoz, presentes nas dúas convocatorias do Programa Único-Banda larga, que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital con 22,5 millóns do Plan de Recuperación para a provincia de Lugo, achegando conexión de banda larga con velocidade ultrarrápida a 1.800 familias e empresas dos dous municipios mariñáns.
En ambas as localidades, a subdelegada reuniuse cos seus alcaldes, Edmundo Maseda e Jorge Valle, para informalos, ademais, sobre os programas do Gobierno en materia de vivenda, transición ecolóxica e administración pública, e coñecer, ao mesmo tempo, as súas demandas e inquietudes.
“Co Único-Banda larga atallamos a fenda dixital que afecta, sobre todo, ao medio rural, e así loitamos contra o despoboamento dos municipios, facilitando o acceso á banda larga da internet aos veciños e veciñas que viven en municipios como os do Valadouro e Alfoz”, incidiu Isabel Rodríguez.
No caso da provincia de Lugo, do mesmo xeito que Galicia, os fogares e empresas beneficiados desta iniciativa atópanse en zonas brancas, aquelas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos.
“Con este plan asegurámonos de que O Valadouro e Alfoz conten con conectividade de máis de 300 Mbps na práctica totalidade dos seus territorios, en 500 zonas que a día de hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, fundamental no mundo actual”, manifestou Isabel Rodríguez.
Concretamente, en Valadouro o programa dixitalizará 260 zonas onde actualmente non existe este tipo de conexión e onde se localizan 1.022 familias e empresas. No caso de Alfoz, executaranse 240 proxectos de conexión para levar este servizo a 767 vivendas e empresas deste Concello.
Ademais, Isabel Rodríguez informou aos dous rexedores que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital acaba de aprobar o Único Demanda Rural, o programa co que o Goberno garante a extensión de banda larga vía satélite en todas as zonas rurais. Para eso, adxudicou de maneira provisional á empresa Hispasat despregar mediante tecnoloxía satelital as infraestruturas necesarias para prover de conectividade ultrarrápida ás zonas de toda España nas que non hai cobertura con tecnoloxía fixa a un mínimo de 50 Mbps e proporcionará un servizo accesíbel economicamente de polo menos 100 Mbps ata o 31 de decembro de 2027, a un prezo fixo de 35 euros mensuais para o usuario final.

PUBLICIDADE