O Goberno levará a banda larga a un milleiro de vivendas de Sober que carecían do servizo

mércores, 9 de febreiro do 2022 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, estivo este mércores 9 de febreiro en Sober, onde salientou o compromiso do Goberno coa dinamización da Ribeira Sacra, a través de proxectos e investimentos en turismo sustentábel, vivenda, eficiencia enerxética e dixitalización. José Miñones desprazouse ata o Concello de Sober coa subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e mantivo unha entrevista co alcalde, Luís Fernández.
Con el visitaron as instalacións da Biblioteca Pública Municipal, que obtivo un dos premios nacionais María Moliner, concedidos polo Ministerio de Cultura, polo seu traballo de dinamización na lectura.
José Miñones subliñou o compromiso do Goberno “cos concellos rurais, coa garantía de servizos á súa cidadanía e coa sustentabilidade das actividades económicas e do turismo nestas zonas”. E puxo a Sober como exemplo de como o Goberno está a avanzar “cara á cohesión territorial e a igualdade de oportunidades no territorio”.
No ámbito da dixitalización, o tema que nos ocupa, Miñones anunciou que Sober benefíciase da primeira convocatoria do Programa ÚNICO-Banda Larga do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital, para a extensión da Internet de alta velocidade, “unha importante aposta do Goberno para que a conexión á Rede chegue de verdade a todo o territorio galego en igualdade”.
Segundo dixo, a convocatoria foi adxudicada a Telefónica, que deberá levar a banda larga de última xeración ata 914 vivendas e empresas deste concello que ata agora carecían deste servizo. O delegado do Goberno engadiu que na provincia de Lugo o Plan Único mobilizará 16,3 millóns en proxectos, con 10,2 millóns achegados polo Estado.
Sober tamén se beneficiou das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica para proxectos de transición enerxética en entidades locais. Estas axudas permitiron ao Concello de Sober acometer a renovación da iluminación pública municipal coa concesión de máis de 500.000 euros para desenvolver en tres fases os proxectos de instalación de luces tipo LED e a renovación de instalacións e cadros eléctricos en todo o municipio.

PUBLICIDADE