O Goberno levará Internet de alta velocidade a 451 familias e empresas de Brión

venres, 24 de novembro do 2023 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou este 24 de novembro o concello de Brión, onde supervisou, na compaña do rexedor Pablo Lago, o estado dos investimentos do Goberno na localidade, centrados en materias como a sustentabilidade enerxética ou a cobertura de banda larga. Ademais, o delegado tivo ocasión de coñecer as propostas e os proxectos nos que traballa o Goberno local e ver a maneira de impulsar desde os distintos ministerios algunha destas iniciativas.
O delegado lembrou que, en materia de transición enerxética o Goberno financiou en Brión o cambio a tecnoloxía LED da iluminación pública. Este proxecto recibiu 150.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica. O cambio permitiu ao Concello diminuír o seu consumo de luz e, por conseguinte, abaratar a súa factura eléctrica.
No que respecta á dixitalización, o delegado destacou que, co apoio dos fondos do Plan de Recuperación, “que chega a todos e cada un dos concellos galegos”, o Goberno está a completar a dixitalización de Galicia. Faino con iniciativas como o Programa Único do Ministerio de Transformación Dixital, do que se beneficia Brión. En concreto, este programa permitirá levar Internet de alta velocidade a través de fibra óptica a 451 familias e empresas do municipio que ata o de agora non dispoñían deste servizo. Telefónica, que foi a adxudicataria na convocatoria de 2021, e máis Vento Rede, que levou as de 2022 e 2023 (a adxudicación desta última aínda é provisional) son as empresas encargadas de acometer estes traballos na provincia da Coruña.
O Concello de Brión tamén se beneficia dun Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) Terras de Santiago, no que se integran outros nove concellos. Este proxecto, que busca potenciar os mercados gastronómicos locais; crear e promocionar novos formatos de turismo gastronómico na comarca e reforzar a oferta de turismo activo, recibe 1,3 millóns de euros do Plan de Recuperación a través do Ministerio de Industria e Turismo e contempla como accións en Brión o reforzo das sendas agrarias do municipio.

PUBLICIDADE