O Goberno investiu 24 millóns de euros para levar a banda larga a todos os concellos da Coruña

luns, 2 de outubro do 2023 S. P.

O faro de Fisterra acolleu o venres pasado a presentación da infraestrutura de fibra óptica da operadora neutra Rede Aberta que vai permitir á esta contorna litoral contar con conexión de 1 Gbps. O acto, do que informamos polo miúdo en Código Cero, contou coa presenza da subdelegada do Goberno en Coruña, María Rivas, que salientou impulso que o Goberno está a dar á extensión da banda larga, con máis de 24 millóns de euros investidos nos últimos anos para levar Internet de alta velocidade a todos os concellos da provincia da Coruña.
“Hoxe o Goberno está a traer a fibra óptica ata o fin do mundo”, sinalou a subdelegada, quen cualificou a extensión da conexión a Internet de alta velocidade ás zonas rurais como “unha necesidade urxente para evitar a perda de poboación e lograr novos habitantes”.
Rivas aproveitou o acto para agradecer a Rede Aberta, empresa adxudicataria da segunda convocatoria do Programa Único de Banda Larga na provincia, a súa contribución a despregadura da rede e a aposta pola incorporación de novas tecnoloxías. Precisamente, a compañía galega anunciou no mesmo o inicio da instalación da rede de fibra óptica no municipio e tamén a implantación da tecnoloxía 50G-PON, que permite unha velocidade de internet de 50 Gbps, pioneira en Europa, nos primeiros meses de 2024. Para esa data, a previsión da compañía é levar Internet de alta velocidade a 155.000 fogares da provincia que ata agora non contaban con este servizo, cun investimento de 26,6 millóns dos que 13,3 millóns corresponden a fondos do Plan de Recuperación do Goberno.
María Rivas lembrou que “o compromiso do Goberno é que en 2023 o 95% da poboación galega teña acceso a Internet de alta velocidade e que en 2025 a cobertura chegue ao 100 por cen do territorio. Para iso, o Programa Único de universalización de infraestruturas dixitais, promovido polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e financiado con cargo aos fondos do Plan de Recuperación, está a mobilizar un investimento sen precedentes que, no caso dos concellos rurais como o de Fisterra “contribúe a construír comunidades máis equitativas e ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel”.
Nesta mesma liña, a subdelegada incidiu en que dispor dun servizo de conexión a Internet de altas prestacións e cun custo competitivo “é un elemento básico para frear o despoboamento do rural e romper con esa fenda dixital que separa o mundo rural do urbano. Non pararemos ata conseguilo”, abundou.



PUBLICIDADE